AD

Comarca

O PP de Arzúa alerta do perigo da continuidade do servizo do SAF que o BNG nega

today17 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

O Partido Popular de Arzúa denuncia publicamente a incapacidade de xestión do tripartito que goberna o concello, que unha vez máis deixa caducar un contrato esencial sen ter preparada a nova licitación, obrigando a improvisar e abrindo a porta a situacións irregulares que xa se sufriron no pasado.

Segundo explicou o voceiro popular, Rafael Rivadulla, “estamos ante un novo exemplo de parálise administrativa: o contrato actual do Servizo de Axuda no Fogar remata o 15 de novembro de 2025 e o goberno local nin sequera cumpriu cos prazos que o propio prego obriga, deixando de publicar a licitación con tres meses de antelación como mínimo. Isto significa que non haberá posibilidade legal de prorrogar o contrato nas mesmas condicións, poñendo en risco a continuidade dun servizo básico para moitas familias arzuás.”

O PP lembra que esta situación non é nova, senón que responde a un patrón de inacción reiterado.

A licitación actualmente vixente non se formalizou ata ano e medio despois do seu anuncio.

A empresa inicialmente adxudicataria renunciou porque se lle asignou o contrato moitos meses despois de presentar a oferta, cando os prezos de mercado xa subiran moito respecto dos ofertados, o que motivou un maior atraso na licitación.

O contrato anterior de 2015 rematara sen que houbera unha nova licitación en marcha, obrigando ao Concello a recorrer a un contrato de emerxencia en 2019, que acabou en máis gasto (6%) que na licitación actual para o concello.

O voceiro popular subliña que “a veciñanza debe saber que esta desidia pode ter como consecuencia máis custes para todos, xa que cando o Concello chega tarde acabamos pagando máis polas présas, polos contratos de emerxencia e polas subas que as empresas impoñen ao quedar sen competencia real”.

O Partido Popular de Arzúa esixe ao goberno tripartito local:

Responsabilidade inmediata do concelleiro responsable, José Luis García López, por depender o SAF da súa concellería, a de Benestar Social e Terceira idade, para garantir a continuidade do servizo a usuarios e traballadoras do SAF baixo cobertura legal.

Planificación seria das licitacións para que non se repita este escenario.

Explicacións públicas sobre por que se repiten estes atrasos con diferente goberno e quen asumirá as responsabilidades polos maiores custes soportados polas arcas municipais.

COMUNICADO DO CONCELLO DE ARZÚA

Ante as afirmacións difundidas polo Grupo Municipal do Partido Popular (PP) e das que se fixeron eco determinados medios de comunicación sobre o futuro do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o Concello de Arzúa informa:

1) O proceso de nova licitación está en marcha desde hai meses.
Iniciouse coa contratación dunha empresa especializada para redactar os pregos.

2) Hai xa un borrador de pregos.
O concelleiro de Servizos Sociais, José Luis García, está a manter reunións co persoal auxiliar, traballadoras sociais, representación sindical e demais profesionais implicados, co fin de incorporar —na medida do posíbel— as súas achegas. Trátase dun dos contratos máis relevantes do Concello e esta escoita é imprescindible.

3) É unha licitación de gran contía e, por lei, debe publicarse no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE).
Isto implica trámites máis esixentes ca noutro tipo de contratos e prazos administrativos específicos.

4) Tramitación habitual e continuidade do servizo.
O proceso segue os procedementos habituais e os prazos marcados, polo que non hai motivo para alarmas. Mesmo no caso de que a licitación sufrise algún atraso, o SAF non se suspendería: existen mecanismos legais de continuidade do servizo que garantirán a atención ás persoas usuarias en todo momento.

5) Sobre a información publicada.

En primeiro lugar, lamentamos que se estean a difundir en medios de comunicación afirmacións sen contraste previo co Concello, pois iso dificulta a comunicación coa veciñanza e xera desinformación nun asunto moi sensible. O Concello de Arzúa reitera o seu compromiso en facilitar sempre información veraz e transparente a todas aquelas persoas ou medios que a soliciten.

En segundo lugar, consideramos grave o uso torticeiro que o Grupo Municipal do Partido Popular (PP) está a facer do SAF, un servizo moi sensíbel do que dependen moitas familias e que se atopa en risco en moitos concellos como consecuencia das políticas da Xunta de Galiza, que delegou a súa xestión nos concellos sen acompañala da contía necesaria para o financiar. Empregar o SAF de Arzúa como arma política só serve para xerar alarma entre a veciñanza e non axuda a mellorar nin o servizo nin as condicións das traballadoras.

En terceiro lugar, o Concello de Arzúa está e seguirá plenamente comprometido co SAF, coas súas profesionais e coas persoas usuarias. Garantindo sempre a continuidade deste servizo esencial ao tempo que instamos á Xunta de Galiza a asumir a súa responsabilidade, mellorando o financiamento e poñendo en marcha medidas concretas que permitan avanzar en protocolos de prevención, condicións laborais dignas e unha atención de calidade.

Para dúbidas ou consultas, contactade coa Área de Servizos Sociais polos canles habituais. Para estar ao día con información de primeira man, seguides as redes do Concello, onde iremos informando de calquera novidade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *