AD

Comarca

O PP de Arzúa denuncia pintadas políticas de Galiza Nova en espazos públicos da vila

today22 julio, 2025

Fondo
share close
AD

O Partido Popular de Arzúa presentou unha solicitude formal ao Concello para reclamar información e esixir actuacións urxentes en relación a varias pintadas e graffitis de contido político realizadas nas últimas semanas en bens municipais e outros espazos públicos da vila. Ningunha destas intervencións parece contar coa debida autorización administrativa, tal e como esixe a normativa vixente.

Entre as actuacións denunciadas destaca a realizada o pasado 17 de xullo, promovida por Galiza Nova e coa participación do propio concelleiro de Xuventude e Infancia, Daniel Moscoso Sixto, membro do grupo de goberno do BNG. Esta pintada, como outras anteriores, supostamente non conta con memoria de actuación, autorización previa nin pago da taxa correspondente, polo que constituiría unha infracción grave segundo a Ordenanza Xeral de Protección do Medio Ambiente Urbano e a Lei do Solo de Galicia.

O voceiro do grupo municipal popular, Rafael Rivadulla, lamenta “a absoluta impunidade coa que actúan membros do goberno local”, sinalando que “resulta intolerable que un concelleiro participe en feitos que vulneran a legalidade, especialmente cando é responsable dunha área municipal como Xuventude e Novas Tecnoloxías, chamada a educar no respecto á convivencia e ao espazo público”.

Ademais, engadiu: “Non falamos dun feito illado. Hai pintadas sen autorización en múltiples puntos da vila, algunhas dende hai meses ou mesmo anos, mentres o Concello acumula licenzas de veciños pendentes dende hai máis de 4 anos. Isto demostra unha dobre vara de medir que non podemos aceptar.”

O PP de Arzúa esixe:

A retirada inmediata das pintadas ilegais.

A apertura de expediente sancionador aos autores, incluído o concelleiro Daniel Moscoso.

A reposición dos bens públicos ao seu estado orixinal, conforme á lei.

E unha explicación pública por parte do alcalde de Arzúa, que, coñecendo os feitos, “mirou para outro lado, actuando como cómplice por omisión”, en palabras de Rivadulla.

O grupo popular lembra que, segundo a normativa local e autonómica, estas actuacións poden supor sancións económicas e a obriga de reposición do dano causado, especialmente cando se trata de bens públicos e se acredita reincidencia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *