Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 octubre, 2024
O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, demandou a construción de beirarrúas nas rúas do Nabal e dos Príncipes, vías situadas na compostelá parroquia de Villestro, posto que o tránsito peonil é moi perigoso, despois de que a Deputación da Coruña realizase unha intervención na zona.
De la Fuente acusou a PSOE e BNG de non estar á altura da veciñanza, dado que ambos partidos codirixen o citado organismo provincial e, a maiores, gobernaron e gobernan a cidade de Santiago durante a tramitación e contratación das citadas actuacións, encadradas no Plan de Inversións en Vías Provinciais 2019.
O edil popular lembra que “os veciños, antes das obras, xa fixeron alegacións, cuestionando a necesidade das expropiacións realizadas, posto que se lles expropiou terreos de forma innecesaria, e, a maiores, solicitaban que se construíran beirarrúas, co fin de garantir a seguridade e integridade dos viandantes”.
“A Deputación da Coruña seguiu adiante co seu plan, sen atender ningunha das demandas e, finalmente, executou as obras de ampliación e mellora do trazado da calzada, pero das beirarrúas nada se sabe”, insistiu De la Fuente.
Para o Partido Popular, a realización de beirarrúas é unha necesidade urxente, xa que na zona hai un importante número de vivendas e, na súa contorna, está o Campo de fútbol de Villestro, o Local Social, a igrexa de Santa María e o Cemiterio de Roxos.
O popular explicou que, “a pesar destas circunstancias, no proxecto construtivo non se tiveron en conta as peticións dos veciños e non se previron nin, polo tanto, se construíron beirarrúas, polo que o tránsito peonil ten que levarse a cabo directamente pola mesma calzada por onde transitan os vehículos”.
“As características da vía, remarcou, e o resultado da intervención poñen en evidencia o grave perigo que supón para os peóns o paso por esta zona, sobre todo, si falamos de persoas con mobilidade reducida”.
De la Fuente subliñou que, “nesta actuación, o BNG desatendeu a súa responsabilidade coa veciñanza, xa que a eles lles corresponde a tarefa de controlar que obras se están a facer no seu municipio. É a súa obriga preocuparse de que o proxecto contemplara a construción de beirarrúas e de que o traballo se fixera nas condicións adecuadas, en beneficio da seguridade de viandantes, cousa que non fixo”.
O goberno nacionalista recoñeceu a deficiente xestión das obras e a perigosidade para viandantes logo da intervención realizada, pero se negou a contemplar a curto prazo a construción de beirarrúas.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)