Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 septiembre, 2026
· Olaya Otero denuncia que as entidades tiveron que organizar actividades, contratar servizos e asumir gastos cos seus propios recursos, malia contar cunha subvención concedida e xustificada
· “O Goberno local tardou oito meses en convocar as axudas de 2026, dálles ás asociacións só dous meses para executalas e xustificalas e aínda non lles pagou as de 2025”
A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, esixiulle ao Goberno de BNG e Compostela Aberta o pagamento inmediato das subvencións concedidas ás asociacións de comerciantes no ano 2025, que continúan sen cobrar en pleno mes de setembro de 2026.
“É incomprensible para nós e, sobre todo, para as propias asociacións de comerciantes, que son as principais prexudicadas. Non teñen os cartos correspondentes ás subvencións, pero tampouco recibiron información ningunha sobre un atraso tan importante e tan prexudicial para o seu funcionamento”, denunciou Otero.
A concelleira popular explicou que a falta de pagamento obrigou as asociacións a organizar e desenvolver actividades, contratar servizos e asumir gastos unicamente cos seus propios recursos, malia contar coa previsión dunha subvención xa concedida e xustificada.
“Resulta moi complicado entender este adiamento. Mesmo no suposto de que o Concello tivese que facer algún requirimento de documentación, non parece de recibo que, a piques de entrar no último trimestre de 2026, aínda non se pagasen as subvencións correspondentes á anualidade de 2025”, sinalou.
Oito meses para convocar e só dous para executar
Otero lembrou que a convocatoria destas mesmas axudas correspondente ao ano en curso foi publicada o pasado 31 de agosto e que as asociacións teñen de prazo ata o 31 de outubro para xustificalas.
“É dicir, dispoñen de apenas dous meses para solicitar, executar e xustificar unhas axudas que o Goberno nacionalista tardou oito meses en convocar e mentres segue sen pagar as correspondentes ao ano 2025”, advertiu.
Para a concelleira popular, resulta “cando menos paradoxal” que o Goberno municipal anuncie e convoque as axudas de 2026 cando aínda mantén pendente unha obriga de pagamento coas entidades beneficiarias da convocatoria anterior.
“Anuncian as subvencións deste ano mentres as asociacións seguen esperando os cartos que lles corresponden polas actividades e actuacións desenvolvidas durante 2025. E, ademais, axustan ao máximo o prazo para que poidan solicitalas, executalas e xustificalas”, criticou.
Otero preguntoulle ao Goberno municipal se este é o apoio que BNG e Compostela Aberta ofrecen ao comercio de proximidade e se é así como pretenden reactivar o comercio local compostelán.
“Hai alguén á fronte deste Concello? Alguén vai explicarlles ás asociacións que está acontecendo e cando van cobrar?”, preguntou. Neste sentido, esixiu “transparencia e explicacións claras” sobre os motivos dun atraso tan importante, así como que se comunique a data na que se fará efectivo o abono das subvencións.
“Insistimos en que se trata de axudas do ano 2025 e estamos xa no último cuadrimestre de 2026. Esta situación é unha auténtica tomadura de pelo”, afirmou.
Unha situación que xa se produciu en 2019
A concelleira popular lembrou que esta situación se parece á acontecida en 2019, cando a daquela concelleira de Compostela Aberta Marta Lois tivo que pedir desculpas e, segundo as súas propias palabras, “asumir toda a responsabilidade” por non ter pagado unhas axudas concedidas ao comercio de proximidade.
“Recordámoslles á señora Sanmartín e ao seu Goberno que, por moito que parezan pensar o contrario á vista do que está acontecendo durante este mandato, os titulares e os slogans políticos non pagan as facturas destas entidades”, manifestou.
Otero volveu preguntarlle ao Executivo local que fixo durante estes tres últimos anos para reactivar o comercio compostelán e cal é a súa estratexia para que Santiago recupere o pulso comercial.
“Vémonos na obriga de insistir: esiximos transparencia sobre os motivos que causaron este atraso e, sobre todo, reclamamos que se faga efectivo de maneira inmediata o pagamento dos importes pendentes correspondentes ao ano 2025”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)