AD

Destacado

O PP reclama unha solución inmediata ao problema das vacas soltas en Corexo

today20 agosto, 2026

Fondo
share close
AD

• Nerea Barcia reclama “unha solución inmediata a unha situación que os veciños levan denunciando desde 2023 sen que o goberno municipal fose quen nin sequera de reunirse con eles”.

• “Falamos dun problema que afecta á seguridade e á convivencia da veciñanza e ante o que, despois de tres anos de protestas, o goberno de BNG e CA segue sen dar resposta”, sinalou.

A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, volveu dar voz aos veciños e veciñas de Corexo, que levan desde o ano 2023 protestando pola problemática das vacas soltas na zona sen que, tres anos despois, o goberno municipal fose quen de reunirse con eles para escoitar as súas demandas e buscar unha solución.

Barcia lamentou que, durante todo este tempo, “a veciñanza trasladou en numerosas ocasións a situación que está a sufrir e, lonxe de atopar unha resposta por parte do goberno de BNG e CA, o problema foi agravándose”.

“As vacas -explicou- andan frecuentemente soltas pola estrada, chegando incluso a desprazarse ata concellos limítrofes. Segundo trasladan os veciños, esta situación xa provocou varios accidentes e supón un importante risco tanto para os condutores como para os peóns e a propia veciñanza”.

A concelleira popular considera “incomprensible” que, despois de tres anos de protestas e reclamacións, o goberno municipal non se sentase cos afectados para coñecer directamente o problema. “O mínimo que se lle pode pedir a un goberno é que escoite aos seus veciños, especialmente cando están advertindo reiteradamente dunha situación que pode afectar á súa seguridade”, afirmou.

Barcia remarcou que “a situación chegou ata tal punto que os propios veciños e veciñas se ven obrigados a gardar as vacas durante as noites, co fin de evitar que volvan saír e poidan provocar novos incidentes”.

Tres anos reclamando unha solución

Nerea Barcia reuniuse en varias ocasións cos veciños e veciñas de Corexo para escoitar de primeira man as súas preocupacións, coñecer as dificultades que están a vivir e comprobar persoalmente o que está a acontecer na zona.

“Mentres os veciños levan desde 2023 reclamando unha solución, o goberno municipal leva tres anos sen ser capaz nin sequera de reunirse con eles. Non estamos ante unha situación puntual nin ante unha protesta recente: son tres anos pedindo que alguén os escoite e actúe”, incidiu.

Dende o Partido Popular reclaman ao goberno de BNG e CA que “deixe de mirar para outro lado”, manteña de maneira inmediata unha reunión coa veciñanza e analice a situación na súa totalidade para actuar, dentro das competencias municipais e en coordinación coas administracións e servizos que corresponda.

“Os veciños de Corexo non poden seguir esperando. Levan tres anos advertindo do problema e merecen, como mínimo, ser escoitados polo seu goberno municipal”, concluíu Barcia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *