AD

Actualidad

O PP sobre o Refuxio de Bando: “Non existe en Santiago un espazo municipal en peor estado”

today19 enero, 2024

Background
share close
AD

 

 

  • A profesional veterinaria do centro emitiu un informe demoledor o 3 de outubro, que estivo meses metido nun caixón, no que urxía medidas para cumprir coa lei de benestar animal e falaba de “animales hacinados”.
  • Adrián Villa insiste en que, “non se conforman con ‘abandonar’ este servizo, senón que minten, como demostra a publicación, na web do Concello, dunha nova na que se fala dun investimento de 40.000 € en melloras, pero a realidade é que dita cantidade foi designada no 2021 e tería que haberse destinado a tres parques e pequenos arranxos de mobiliario”.

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, denunciou hoxe, en rolda de prensa, o estado de abandono no que se atopa o refuxio de animais de Bando, situación á que o continúa sometendo o Goberno do BNG, despois de que os anteriores gobernos de esquerdas non fixeran, practicamente, nada por mellorar ditas instalacións.

Así, o edil popular preguntoulle ao Goberno nacionalista se ten pensado incrementar a partida destinada á Fundación Refuxio de Bando nos orzamentos do 2024 “dos que nada sabemos”, porque o BNG recoñeceu na última reunión do Padroado que non estaba contemplada ningunha subida na aportación municipal. “Urxe unha partida maior -insistiu- para que se leve a cabo unha mellora integral das instalacións e se contrate máis persoal, tanto veterinario como de operarios”. Nese senso criticou que un mes despois de que se presentasen aos medios eses orzamentos é “inconcibible que aínda non teñamos coñecemento do que o tripartito quere para a nosa cidade, unha nova proba do reiterado escurantismo no que se manexa este Goberno”.

Villa lembrou que “estas instalacións son públicas e non poden estar nese lamentable estado, xa que calquera persoa que se achegue ata alí, poderá observar a dantesca situación na que se atopa o Refuxio de Bando, non existe en Santiago un espazo municipal en peor estado”.

Tamén incidiu en que a mellora do persoal veterinario e os operarios é parte fundamental do arranxo desta situación. A actual veterinaria está desbordada e non pode atender correctamente ao animais; e os operarios non teñen medios nin condicións para realizar as tarefas de limpeza, desinfección e mantemento elementais .

Villa explicou que só é necesario botar unha pequena mirada nas inmediacións deste “refuxio”, para comprobar que “os animais que alí se aloxan, non están en condicións éticas e, a maiores, non se están cumprindo ningunhas das leis vixentes en relación ao benestar animal”.
Na súa comparecencia, o popular denunciou que son moitas as queixas que transcenderon á prensa por parte dos voluntarios e outros usuarios do refuxio, nas que explican que, cando ten pasado máis de medio ano desde que o BNG está no goberno, “o único que teñen feito é mirar cara outro lado; ocultar información e faltar a verdade”.

Proba deste escurantismo é o sucedido o pasado 1 de decembro, cando minutos antes da celebración dunha reunión do Padroado, chegoulle aos membros desta institución, por correo electrónico, un informe “demoledor” da profesional veterinaria que traballa en Bando no que urxe medidas para cumprir coa lei de benestar animal e fala de “animales hacinados”, unha documentación que, desde o 3 de outubro de 2023, estaba metido nun caixón do Goberno nacionalista.

“Tras ler dito informe, o Goberno nacionalista debe dar unha resposta inmediata e urxente, posto que a aportación ao refuxio é claramente insuficiente, 320.000 euros anuais, unha cantidade que, xunto ao resto de ingresos e tendo en conta os gastos, outorga un balance negativo”, subliñou Villa.

Esta cantidade, que leva anos conxelada, vaise en cuestións fundamentais como os soldos dos traballadores, mantemento básico, compra de alimentos, medicamentos e material de traballo, polo que resulta totalmente insuficiente, provocando “a situación dramática que se está a vivir nestas instalación, onde predomina o hacinamento, tendo, incluso, que lamentar pelexas, incluso co resultado de morte, pola acumulación de animais, mentres, o Goberno nacionalista o único que fixo e fai é xirar a cara e mentir”, insistiu.

O concelleiro popular insiste en que, “non se conforman con ‘abandonar’ este servizo, senón que minten, como demostra a publicación, na páxina web do Concello, dunha nova na que se fala dun investimento de 40.000 euros en melloras, pero a realidade é que dita cantidade foi designada no ano 2021 e tería que haberse destinado a realizar tres parques e pequenos arranxos de mobiliario”.

“Outra das ‘características’ que define o comportamento do Goberno do BNG é o seu pasotismo, remarcou Villa, deixando que o estado de abandono das instalacións de Bando vaia cada día a máis, o que supón un sufrimento para os animais que alí se aloxan”.

Finalmente, o popular aproveitou a súa intervención para “agradecer en maiúsculas a estes voluntarios e voluntarias o seu traballo, persoas anónimas que, de forma totalmente altruísta, son a única esperanza que teñen os animais de Bando”.

INFORME PROFESIONAL DA VETERINARIA

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%