Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 enero, 2024
17 de xaneiro de 2024. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, desenmascarou hoxe as probas dun entramado de manipulación dixital vinculado á oposición que catalogou como “botafumeiro de bulos e mentiras” e que os servizos xurídicos do partido estudan poñer á disposición da Fiscalía.
“Trátase dunha operación organizada de desinformación, de mentira, de manipulación, de ataque despiadado coa vontade de confundir e enganar á poboación e de desvirtuar a realidade”, afirmou antes de dar paso ás evidencias desta campaña que hai detrás das críticas ao PPdeG e ao presidente Rueda e que, na súa opinión, supón “un ataque frontal a Galicia e aos galegos”.
Explicou que, logo de realizar un estudo en profundidade, o PPdeG descubriu unha “rede nacional de perfís falsos, ocultos na covardía, traballando desde a mentira, ao servizo da oposición”. Unha rede operada “con fins electorais e vontade de engano só para gañar con mentiras e manipulación” e que actúa a través de “varios servidores instalados no estranxeiro e ocultos en varias VPN para protexer a identidade e actuar con total impunidade”.
Trátase de perfís radicados en lugares como os Estados Unidos, China, Rusia, Vietnam, Canadá, Italia, Filipinas, Polonia, Uruguai, Bolivia, Ecuador ou Colombia que teñen en común “falar mal de Galicia e do presidente Rueda e defender todos á oposición galega”.
Paula Prado amosou como exemplos unha conta que tuitea desde Nicaragua e “só para criticar a Rueda por todo o que faga”, outra radicada en México dedicada a “defender ao PSOE e a Pedro Sánchez nos seus chíos mentres critica a xestión da Xunta de Galicia”, un perfil de Haití “creado o pasado mes de decembro e moi preocupado polas praias de Galicia” ou outro que desde Polonia “pregunta en varias ocasións sobre a participación no debate electoral”.
“O que temos ante nós é un botafumeiro de bulos e mentiras, unha rede coordinada desde Madrid que traballa ao servizo da oposición e contra Galicia”, concluiu a secretaria xeral do PPdeG logo de expoñer estes e outros exemplos de publicacións que os servizos xurídicos do partido xa están estudando poñer á disposición da Fiscalía.
“GALICIA NON MERECE ESTAR EN MANS DESTA XENTE”
Paula Prado aproveitou a ocasión para recordar dous dos máis recentes bulos difundidos polos partidos da oposición, citando a foto dun peixe de Sri Lanka tomada en 2021 e difundida polo PSOE “para xerar o bulo de que non se poden consumir os produtos do mar galego” e os carteis sobre os pellets do BNG “con fotos feitas en Texas dispoñibles en banco de imaxes de Internet facéndoas pasar por pellets das praias galegas”.
“Mentres nós decidimos seguir investindo en medidas como a anunciada onte polo presidente Rueda de implantar a gratuidade das matrículas universitarias, hai quen decide gastar o seu tempo en manifestarse a favor da liberación dos presos de ETA e gastar o seu diñeiro nunha organización da mentira e a manipulación”, asegurou ao respecto.
Para a número dous dos populares galegos, Galicia “non merece estar en mans desta xente” porque “os perfís falsos non fan estradas, non melloran a saúde, non invisten no deporte das familias, nin axudan aos nosos maiores”. Algo que si fan o PPdeG e o seu presidente, Alfonso Rueda.
“En Galicia podemos elixir entre a estabilidade e o barullo, entre a verdade e a mentira”, remataba a súa intervención non sen antes reafirmar: “Por moito entramado que financien, a nosa prioridade é e seguirá sendo Galicia, sempre coa verdade por diante. Eles teñen os bots, nós temos os votos”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)