AD

Actualidad

O PSdeG leva ao Pleno a renovación da Ordenanza de Convivencia tras vinte anos sen actualizarse

today13 julio, 2026

Fondo
share close
AD
  • O Grupo Municipal Socialista denuncia que o Goberno de Sanmartín continúa sen poñer en marcha a elaboración dunha nova Ordenanza de Convivencia, malia que a normativa vixente leva vinte anos sen actualizarse e xa non responde aos retos actuais da convivencia nin ás novas formas de uso do espazo público.
  • Gumersindo Guinarte reclama unha regulación unificada, moderna e participada, que aposte pola prevención, o civismo e a mediación fronte a un enfoque exclusivamente sancionador.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2026. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, reclamará no Pleno ordinario do mes de xullo que o Goberno municipal impulse de maneira inmediata a elaboración e aprobación dunha nova Ordenanza de Convivencia para Santiago, ao considerar que a normativa actual, aprobada hai vinte anos, quedou completamente desfasada e que o executivo local segue sen poñer en marcha un proceso necesario para adaptar a regulación ás necesidades da cidade.

Guinarte advertiu de que «a cidade necesita unha ordenanza transformadora, moderna e actualizada», adaptada «ás necesidades do Santiago de hoxe e ás novas formas de uso do espazo público».

O voceiro lembrou ademais que a normativa vixente «ten vinte anos» e que foi concibida principalmente para regular cuestións relacionadas coa limpeza e os residuos, polo que «xa non dá resposta aos retos actuais da convivencia».

O voceiro socialista advertiu de que «moitas das condutas que afectan á convivencia» están hoxe dispersas en distintas ordenanzas municipais, unha situación que, segundo explicou, «xera confusión e dificulta a súa aplicación».

Por este motivo, o Grupo Municipal Socialista defende unha única Ordenanza de Convivencia que unifique a regulación existente. Guinarte apostou por «unha norma que unifique esa regulación, que sexa clara e accesible» e que sirva de guía práctica tanto para a cidadanía como para as persoas que visitan Santiago, ademais de constituír «unha ferramenta útil para os servizos municipais».

Guinarte incidiu ademais en que esta nova ordenanza non debe limitarse a un enfoque sancionador. «Unha Ordenanza de Convivencia non pode concibirse unicamente desde unha perspectiva sancionadora. Ten que incorporar unha visión pedagóxica, preventiva e de sensibilización, promovendo o civismo, a corresponsabilidade e a mediación como instrumentos para mellorar a convivencia e previr os conflitos», destacou.

Finalmente, Guinarte reclamou ao Goberno local que «este proceso se desbloquee de inmediato» e defendeu que «a elaboración da nova Ordenanza de Convivencia conte cun verdadeiro diálogo co tecido social e veciñal» para acadar «o maior consenso posible» arredor dunha norma que debe contribuír «a facer de Santiago unha cidade máis cívica, respectuosa e preparada para os retos presentes e futuros».

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *