Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 mayo, 2024
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2024. O Grupo Socialista apoiará a creación de unha comisión especial para o estudo do ciclo integral da auga que se someterá á votación do pleno na sesión ordinaria da vindeira semana. Fano, ademais, convencidos de que o resultado do estudo será o modelo da concesión privada que defenderon durante o pasado mandato: “vai validar, porque a realidade é a que é, a posición que nós sempre mantivemos e demostrará que a señora Sanmartín equivocouse hai ano e medio cando bloqueou o novo contrato”.
Así, a edil Mila Castro, insiste en que a conclusión do estudo será a mesma que se detalla no informe que o goberno de Sánchez Bugallo fixera no 2020 e que colocaba a concesión privada como fórmula máis idónea para a xestión da auga en Compostela. O informe, que explicou a socialista durante unha rolda de prensa este venres, detalla que boa parte das canalizacións do municipio chegaron ao final da súa vida útil e cifraba en “arredor de 100 millóns de euros” a inversión a realizar para a renovación e ampliación da rede. Unha cifra que “agora será maior polo efecto da inflación”.
Neste sentido, desde as filas socialistas defenden que o “único necesario chegados a esta altura” sería que o goberno actualizase o estudo económico aos actuais prezos de mercado para sacar a licitación un novo contrato. Isto, despois de que precisamente a oposición bloqueara hai 18 meses este mesmo contrato cando o goberno socialista sometera esta cuestión á consideración do pleno, en contra, lembra Castro, do que “dicían os informes técnicos”: “porque en aquela altura non importaba nin a opinión dos técnicos nin as necesidades da cidade, importaba desgastar ao goberno socialista”.
“O resultado da comisión é sabido. Seino eu e sábeo a alcaldesa”
Castro recalcou durante a súa comparecencia ante os medios que a situación da rede de abastecemento, xa crítica cando os socialistas encargaron o informe no 2020, “foi a peor” con roturas diarias e domicilios sen posibilidade de acceso á rede. Con isto, a edil socialista, adiantou a predisposición do seu grupo para “apoiar a licitación do ciclo integral da auga e traballar para que isto sexa unha realidade a maior brevidade posible”: “somos conscientes e sensibles ante a actual situación”.
Insiste en sinalar que o resultado da comisión “é sabido”: “seino eu e sábeo a propia alcaldesa”. A que fóra responsable de Servizos Básicos no goberno socialista lembrou ademais que o estudo do que se parte en esta comisión, o feito durante a etapa socialista, foi elaborado polo mesmo equipo redactor que o que o fixo para a cidade de Pontevedra, que actualmente aplica o modelo da concesión privada e, precisamente, está gobernado polo BNG.
Castro amosouse a favor de repetir o estudo, tal e como se pactou na negociación de orzamentos, ao tempo que cri@ca que “o que tampouco se pode facer é enredar e intentar repetir o informe tantas veces como faga falta para que diga o que unha quere que diga”.
“O problema é que seguimos perdendo tempo e dilatando os prazos cando sabemos cal vai ser o final” aféalle a edil socialista ao executivo de Sanmartín que só xustifica esta comisión nos intentos do goberno do BNG de “convencer” aos seus socios de goberno: “chegado o momento a todas nos tocará dar explicacións do que fixemos e votamos, e estou segura de que Sanmartín moito lle pesa xa a súa postura cando os socialistas levamos esta cuestión a pleno” concluíu Castro .
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)