Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 octubre, 2025
A Estrada, 16 de outubro de 2025.- O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, acompañaron esta mañá ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, durante a súa visita ás instalacións do punto limpo municipal, que vén de recibir unha achega económica por parte da administración galega. No contexto desta visita, os dirixentes locais avanzaron a intención de que o servizo amplíe o seu horario na franxa vespertina.
No marco da visita, o delegado territorial explicou que a Consellería de Medio Ambiente destinou un millón de euros para axudar aos concellos pontevedreses na xestión de residuos. Indicou que, no caso do Concello da Estrada, a achega acadou os 93.000 euros para melloras no punto limpo de Penerada. “É unha aposta da Xunta de Galicia para axudar aos concellos, que sabemos que teñen necesidades neste senso, e para loitar para que a xente se conciencie de que ten que empregar estas instalacións”, apuntou Reguera.
O alcalde estradense explicou de seguido que estes fondos se empregarán para a mellora dun recinto “que cada vez é máis visitado porque hai cada vez unha maior concienciación da necesidade de reciclar”. Foi entón cando Gonzalo Louzao recoñeceu que “fan falta máis horas porque son moitos os usuarios que se achegan ata estas instalacións”. “Vemos que, sobre todo, faría falta amplialo en horario de tarde e estamos falando coa empresa adxudicataria da xestión para ver como organizalo”, sinalou.
Actualmente o punto limpo estradense está aberto de 09.00 a 13.00 horas os xoves e venres e en horario partido os sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00. Deste xeito, son 14 horas á semana nas que se vén rexistrando unha media de 100 usuarios. O servizo vén constatando que os sábados as instalacións rexistran un mínimo de 50 persoas que desexan depositar residuos de distinta natureza.
As instalacións realizaron un peche o pasado mes de marzo para concretar unha reorganización e mellora, coincidindo coa nova adxudicación. A nova concesión motivou unha inspección das instalacións e permitiu pasar a aplicar os cambios derivados de nova normativa vixente nesta materia.
No tocante aos cambios que se introduciron coa nova xestión, o depósito de residuos tivo que adecuarse ao que a lei contempla para o funcionamento dos puntos limpos.
Neste senso, os usuarios que acudan ás instalacións teñen que ser identificados antes de introducir o material que acheguen nos contedores correspondentes. A maiores, a normativa regula un número máximo de quilos para o depósito.
Xunto coa redistribución realizada, instaláronse novas medidas de seguridade, con cámaras e alarmas de presenza para evitar os roubos que se viñan sucedendo.
Ademais, incorporarase á instalación unha caseta para Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEES), que requiren unha estancia pechada e illada. Este material ten que ser, ademais, depositado con identificación da persoa que o achega, ten que pesarse
e etiquetarse axeitadamente.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)