Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Arzúa, 14 de maio de 2024. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa, dirixido polo concelleiro José Luís García, continúa desenvolvendo os diferentes actos da programación Primavera de Cultura chegando este venres, 17 de maio, a un dos actos centrais do programa coa celebración do Día das Letras Galegas.
Este venres chega a Arzúa o último espectáculo do grupo Zoelas baixo o título de «Des(a)fiada». O mesmo terá lugar na Casa da Cultura ás 19:00 horas coa entrada libre e de balde ata completar a capacidade.
Zoelas é un grupo que emerxe nas terras rurais do interior de Galicia. Tres voces femininas e arranxos pouco comúns da man de instrumentos como a zanfona, a requinta ou a guitarra, acompañan ás letras de composición propia tomando como principios e valores básicos a visibilidade da muller, o idioma e o rural.
O proxecto-espectáculo “Des(a)fiada” pretende analizar cal foi a posición da muller no rural de Galicia nos grandes acontecementos da historia a través dos seus propios testemuños. O espectáculo músico-audiovisual, achegará ao público vivenzas no tempo da guerra e posguerra, na emigración, a emancipación da muller a través do negocio da costura ou a diversidade no rural.
Non é este o único evento que, dentro da programación Primavera de Cultura, homenaxea ás nosas Letras. Xa que, por exemplo, o vindeiro 31 de maio os escolares de primaria de Arzúa participarán nun contacontos que dará a coñecer a figura de Luísa Villalta e a súa obra.
Dende o Departamento de Cultura tamén se recorda que esta semana, do xoves 16 ao sábado 18 son os últimos días para visitar na Capela da Madanela a exposición de pintura e fotografía do colectivo Lucet con obras de nove artistas que abre en horario 18:30 a 20:30 horas.
O concelleiro de cultura, José Luís García, convida a toda a veciñanza e visitantes a asistir ás diferentes propostas culturais que se ofrecen «co ánimo de defender e promover o uso e coñecemento da nosa lingua, algo que nos propoñemos durante todo o ano dende a concellaría que dirixo, pero que esta semana corresponde visibilizar máis ca nunca».
Written by: Líder Redacción
arzua cultura dia das letras galegas radio lider santiago zoelas
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)