AD

Actualidad

Os desprendementos no San Clemente evidencian o seu deterioro e a USC reclama unha rehabilitación urxente

today8 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD
O equipo de goberno da USC fai un chamamento ás Administracións públicas para comprometer financiamento para esta infraestrutura
Santiago, martes 8 de setembro de 2026. A Universidade de Santiago está a actuar tras producirse o desprendemento puntual de elementos construtivos nunha das fachadas do Colexio Maior San Clemente, na zona orientada cara á Avenida das Ciencias do Campus Sur. O incidente afectou a parte da cornixa e a elementos da cuberta dun dos balcóns. Na caída, algúns destes elementos alcanzaron a cuberta do balcón situado na planta inferior, provocando á súa vez o desprendemento de tellas e doutros elementos de remate.
Ata alí desprazáronse a reitora Rosa Crujeiras; o xerente da USC, Juan Villoslada, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, con competencias en infraestruturas, Roberto Bande, xunto con outras persoas responsables da institución e o equipo técnico da Oficina de Infraestruturas da USC, que comprobaron o precario estado no que se atopa o edificio. “Levamos moito tempo reclamando financiamento para a rehabilitación deste inmoble -o proxecto está valorado en 5,6 millóns de euros- e as Administracións públicas deberan comprometerse para preservar non só un edificio imprescindible para a comunidade universitaria senón tamén un patrimonio de gran valor histórico e cultural para a cidade”, manifestou Bande.
Desde o momento en que se tivo coñecemento do incidente e en comunicación co Concello compostelán, a Universidade traballa na retirada controlada de todos aqueles elementos que presentan inestabilidade ou que poidan supoñer risco de novos desprendementos, así como no aseguramento provisional das zonas afectadas. Paralelamente, procedeuse a delimitar e valar a zona de actuación co obxectivo de impedir o acceso e garantir as condicións de seguridade mentres se desenvolven estes traballos.
O equipo técnico da Universidade, coa asistencia dos responsables de seguridade, está a realizar o seguimento das actuacións e a adoptar as medidas necesarias para deixar a zona afectada en condicións de seguridade coa maior brevidade posible. Unha vez finalizadas estas actuacións inmediatas, avaliarase o alcance dos danos e as intervencións que resulte necesario acometer.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *