Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 octubre, 2026
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal reclamou unha revisión integral do Plan Especial da Cidade Histórica para dar resposta ás necesidades da veciñanza e frear a perda de residentes no casco histórico. A socialista considera insuficiente a modificación que está a tramitar o Goberno de Goretti Sanmartín, limitada exclusivamente aos usos, e defende unha actuación máis ambiciosa que permita compatibilizar a protección do patrimonio coa mellora das condicións de vida.
Abal advertiu de que “a política municipal de vivenda necesita menos propaganda e máis xestión, máis valentía e máis ambición política”, xa que “os problemas de acceso á vivenda non se resolven cunha única medida”. Neste sentido, insistiu na necesidade de actuar en diferentes frontes, atendendo ás particularidades de cada zona da cidade, e situou entre as prioridades “recuperar a cidade histórica como espazo para vivir e evitar que se siga baleirando de veciños e veciñas”.
A concelleira socialista lembrou que Santiago conta cun casco histórico declarado Patrimonio da Humanidade que é necesario protexer, pero tamén facer habitable. Por iso, defendeu “unha revisión integral do Plan Especial da Cidade Histórica” que inclúa non só os usos, senón tamén “o catálogo de inmobles, os criterios de protección e as condicións de rehabilitación”, co obxectivo de facilitar a adaptación das vivendas ás necesidades actuais.
Neste sentido, Abal puxo o foco nas dificultades que afrontan moitos residentes para realizar melloras nos seus fogares, lembrando que “a veciñanza leva tempo reclamando solucións a problemas tan básicos como instalar ascensores, eliminar barreiras arquitectónicas, mellorar o illamento térmico ou modernizar as instalacións das vivendas”. Fronte a estas demandas, criticou que o executivo de Sanmartín estea a tramitar “unha modificación limitada exclusivamente aos usos, unha reforma parcial que consideramos claramente insuficiente”.
Para a edil socialista, “os problemas da cidade histórica non se poden abordar a cachos”, polo que reclamou unha revisión que permita afrontar de maneira conxunta a conservación patrimonial e as necesidades residenciais. Neste sentido, subliñou que “protexer o patrimonio tamén significa garantir que ninguén teña que abandonar a súa casa por non poder adaptala ás necesidades máis elementais”.
Finalmente, Abal reivindicou a necesidade de orientar as políticas municipais cara á permanencia da poboación residente, defendendo “unha cidade histórica viva, con veciños e veciñas, non un casco histórico que se vaia baleirando de residentes”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)