Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 febrero, 2026
O alcalde debulla na radio os grandes proxectos en marcha —2 millóns para completar o saneamento, novas Casas do Maior e melloras en infraestruturas— mentres anima a participar na Festa da Filloa e no Entroido de Sergude
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, fixo balance da actualidade municipal nunha entrevista radiofónica na que combinou reivindicación institucional, datos de investimento e unha firme defensa das tradicións locais. Nun momento clave do calendario, coa Festa da Filloa de Lestedo en marcha e ás portas do Entroido de Sergude, Rodeiro puxo cifras e prazos sobre a mesa para defender que o Concello vive “unha das etapas de maior impulso inversor da súa historia recente”.
“Estamos traballando para elevar o saneamento a case o 100% das aldeas de todo o Concello”, afirmou con rotundidade, cualificando este obxectivo como “posiblemente o maior reto ao que pode enfrontarse un alcalde nun concello rural”.
Festa da Filloa de Lestedo: tradición, recoñecemento e ambición renovada
“Cando tes un recoñecemento a nivel nacional, o que se acredita é que hai tradición, continuidade e un traballo detrás”, subliñou, felicitando expresamente aos homes e mulleres da parroquia de Lestedo.
Rodeiro lembrou que a programación inclúe showcookings, a Festa da Filloiña, a feira dominical e o día grande o 22, facendo un chamamento á participación: “Vai ser un gran día e parece que o tempo vai estar un pouco máis a favor”.
En clave gastronómica, reivindicou a versatilidade do produto estrela: “A filloa marida con todo”, dixo, lembrando que hai opcións doces, salgadas, para celíacos e con múltiples recheos.
Xenerais do Ulla en Sergude: identidade, sátira e canteira
Destacou tamén o relevo xeracional: “Cada vez máis as escolas están incorporando esta celebración aos nenos máis pequenos”, o que garante continuidade a unha tradición singular da comarca do Ulla.
Sobre a crítica e a retranca propias dos Xenerais, mostrou deportividade: “Toda leña que poida andar hai que tomala como o que é: un día de festa”. E animou á asistencia: “O domingo, a partir das sete da tarde, que acudan ao campo da festa de Sergude, que vai estar cheo de diversión e bo facer”.
2 millóns para saneamento e aposta polos servizos básicos
Máis alá do calendario festivo, o alcalde detallou un amplo paquete de investimentos. Entre eles:
2,4 millóns de euros en máis de 10 quilómetros de sendas.
1,6 millóns no cambio integral de luminarias.
2 millóns na primeira EDAR municipal.
400.000 euros en melloras de abastecemento e cinco fosas comunitarias.
Un plan global que suma arredor de 2 millóns adicionais para completar o saneamento en case todas as aldeas.
“Creo que pode ser inédito nos concellos rurais de España lograr case o 100% do saneamento en todas as casas”, asegurou.
Tamén anunciou que o Concello asumirá o baleirado das fosas que aínda queden fóra da rede: “O propio Concello vai asumir o servizo de vaciado desas fosas e trasladalo á EDAR de Sergude”.
Estradas, burocracia e tempos administrativos
Rodeiro recoñeceu as dificultades que implica xestionar unha ampla rede viaria rural. Hai actualmente un millón de euros en contratación para asfaltos e outros 300.000 planificados, ademais dun posible novo millón con fondos propios.
“Intentamos anticiparnos, pero a administración é garantista e iso leva tempo”, explicou, sinalando que permisos de Patrimonio, Augas de Galicia ou outras administracións poden atrasar actuacións urxentes.
Escrito por Líder Redacción
boqueixon entroido festa da filloa politica sergude xenerais da ulla


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)