Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 abril, 2024
Pola esquerda: Laura Horta, Mariló Saco, Xosé Luis Amigo, Anxo Arca, Xosé García Lapido, Ana Castro e Anxo Angueira (presidente Fundación Rosalía de Castro)
Padrón. 15-04-2024.- O Concello de Padrón celebrou este domingo a primeira edición do Día da Memoria Democrática padronesa, un evento que nace con vocación de continuidade e que ten como obxectivo concienciar á comunidade sobre as inxustizas sufridas durante a Guerra Civil e os corenta anos de ditadura franquista, así como promover valores como a reconciliación e a liberdade. O acto celebrado ás 17.00 horas no Xardín Botánico-Artístico contou coa presenza do alcalde de Padrón, Anxo Arca; os membros da corporación municipal; o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; representantes da Fundación Camilo José Cela e das diferentes asociacións de Memoria e vítimas da represión, ademais de numeroso público.
O Día da Memoria padronesa abriuse coa plantación dun teixo como símbolo de vida e de esperanza nun futuro mellor. “Esta árbore da memoria servirá de testemuña do compromiso do Concello polo fomento de políticas públicas de investigación e difusión da nosa historia como elemento fundamental para aumentar a nosa calidade democrática”, subliñou o alcalde.
A primeira parte desta cerimonia contou co acompañamento musical do dúo de acordeóns Ad Libitum que interpretou pezas tan coñecidas como ¡Ay, Carmela!, A Internacional ou o Himno de Riego.
Na súa intervención, Anxo Arca expresou o seu profundo agradecemento e recoñecemento a todos aqueles que, con valentía e determinación e en diferentes eidos, contribuíron a preservar e promover os principios básicos da sociedade padronesa, e lembrou a figura de Camilo Forján, que na súa etapa de alcalde recuperou os nomes de moitas rúas que ata o momento recoñecían a persoeiros do réxime franquista.
“Hoxe abrimos unha etapa de recoñecemento, de respecto e de busca da verdade do noso municipio. Para isto considero necesario realizar unha desculpa pública, como alcalde, en nome do Concello de Padrón, a toda as vítimas da represión franquista, ás súas familias e a todas as persoas que defenderon a liberdade e a democracia do noso pobo”, engadiu. “Facer memoria é afondar no coñecemento da verdade. Facer memoria é un gran acto de xustiza para todas as padronesas e padroneses que loitaron pola liberdade e a democracia”, insistiu Anxo Arca.
Recordando aos represaliados
Nun xesto de respecto e gratitude, neste Día da Memoria Democrática padronesa destacouse a importancia de lembrar o legado daqueles que loitaron pola liberdade coa homenaxe a Xosé García Lapido e Xosé Luis Amigo, coñecido polo alcume de gorrión.
Lapido é membro da executiva da Fundación Rosalía de Castro, fundador da asociación cultural O Sacho, que estivo activa en Padrón e na comarca entre os anos 1975 e 1983, ademais de ser unha persoa moi activa na vida cultural-social padronesa. Na súa intervención recordou que “houbo que esperar 88 anos para que o concello de Padrón realizase este acto en conmemoración de tantísima xente que quedou nas cunetas” e repasou episodios moi duros vividos polos represaliados en Padrón.
Xose Luis Amigo, militante do BNG e exsindicalista, era un dos organizadores das conmemoracións da República en Padrón cada 14 de abril, tanto na praza de Macías como, o último ano, en Fondo de Vila. Xunto a súa muller Carmiña, a Darío González, Pepe Miguez, David Gago e ao propio Lapido, consensuaban o texto para o manifesto e coidaban cada un dos detalles do acto, onde se adoitaba ler poesía entre cada unha as intervencións. Amigo emprazou ao goberno a “que se faga unha investigación de todos os represaliados padroneses. Gustaríame ver nunha das prazas importantes de Padrón unha placa cos nomes de todo eles, na súa honra e de todas as súas familias que aínda seguen vivindo en Padrón”, dixo.
Ademais, tanto Lapido como Amigo recordaron os nomes de amigos, compañeiros e persoas que sufriron á represión franquista e ámbolos dous agradeceron ao alcalde Anxo Arca e ao goberno local a “valentía por institucionalizar este acto”.
Anxo Arca pechou o acto emprazando aos asistentes á seguinte edición, ao tempo que agradeceu a extraordinaria resposta por parte da veciñanza. “Dende o Concello faremos todo o posible por fomentar a investigación, o coñecemento e a posta en valor de toda a acción das persoas que foron represaliadas durante o período terrible franquista”, reiterou.
O acto rematou coa actuación da Banda Municipal de Padrón que ofreceu o concerto ‘Perspectiva historicista’, que incluíu pezas como Suspiros de España, Suite 1936, La Vaquilla, Bella Ciao e o Himno Galego, con todo o público asistente en pé.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)