Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 mayo, 2024
Padrón.30-05-2024.- Baixo o lema Padrón con orgullo, o Concello de Padrón preparou unha completa programación con motivo do Día do Orgullo LGTBIQ+, que se celebra cada 28 de xuño. Este conxunto de actividades, deseñado para celebrar e promover a diversidade e a igualdade, terá lugar ao longo do mes de xuño e inclúe un obradoiro, un videofórum, actividades infantís, un concerto e unha exposición.
A programación comezará o martes 4 de xuño ás 18:00 horas coa realización do obradoiro «Diversidade e avances lexislativos» na aula de formación do Centro Social. Esta actividade, destinada á formación interna da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero (MLC), será impartida por ALAS A Coruña.
O venres 14 de xuño, ás 20:00 horas, o Auditorio de Padrón acollerá un videofórum coa proxección da película 20.000 especies de abellas, unha obra galardoada con tres premios Goya e cun Oso de Plata na Berlinale. Este evento, aberto a toda a cidadanía, contará cun coloquio posterior moderado tamén por ALAS A Coruña, favorecendo un espazo de reflexión e debate sobre as temáticas abordadas no filme.
O día grande das celebracións será o venres 28 de xuño. Ás 17:00 horas, no Campo do Souto, os máis pequenos poderán gozar de inchables de auga e dunha festa da espuma, unha actividade de balde que busca fomentar a diversión e a inclusión dende a infancia. Xa pola noite, ás 22:00 horas, a Rúa Tetuán converterase no escenario dun concerto da banda The Tetas’ Van. Antes do inicio da actuación, terá lugar a lectura do manifesto institucional, reafirmando o compromiso do Concello coa igualdade e cos dereitos LGTBIQ+.
Ao longo do mes de xuño, a Praza da Igualdade acollerá a exposición «Referentes LGTBIQ+ en Galicia», que destacará figuras importantes do colectivo en Galicia, promovendo a visibilidade e o recoñecemento destas persoas. Ademais, a partir do 17 de xuño, os locais de hostalería e comercio de Padrón poderán recoller, de balde, os manteis da campaña Padrón con orgullo no local do CIM Terras de Iria. Esta iniciativa busca visibilizar e apoiar a diversidade dende os propios establecementos locais.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)