AD

Comarca

Pérez Barral propón crear nas Carolinas unha zona verde e estacionamento para a veciñanza

today12 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

Recuperar o espazo das Carolinas e convertelo nunha zona verde pública con estacionamento gratuíto, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e reforzar a actividade económica do barrio. Esa é a proposta que hoxe presentou o exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, quen a deu a coñecer acompañado polas concelleiras Antía Alberte, Veva Betanzos e polo responsable local Rafa Pazos.

Hai arredor de quince anos, nesta zona do centro urbano había un espazo infantil e prazas de aparcadoiro, mais coa construción da nova lonxa e a remodelación da fachada marítima realizada polo Concello en 2020, cun investimento duns 450.000 euros, “reducíronse carrís e elimináronse numerosas prazas de estacionamento, agravando un problema xa existente nun barrio con escaseza de garaxes”.

Na actualidade, trala concesión administrativa que permitirá que a antiga lonxa funcione como nave de redes, ábrese unha oportunidade para crearmos un espazo pensado para as persoas, xa que os redeiros pasarán a estar na antiga lonxa e se precisan facer traballos no exterior, pode empregarse o porto comercial. O portavoz nacionalista sinalou que “é o momento de pensar en como devolverlle este espazo á xente das Carolinas”.

Un espazo verde pensado para as persoas e zona de aparcadoiro

O BNG defende que este ámbito debe volver ter un uso veciñal e converterse nun lugar agradable para pasear, descansar, xuntarse ou levar ás crianzas. “Demandamos que o PP, a través de Portos de Galiza, deixe de bloquear proxectos que son positivos para á veciñanza de Ribeira e faga a reversión ao Concello dos terreos sen uso vinculado á actividade marítima, medida que facilitaría a realización de eventos sen custos ou procesos burocráticos longos como acontece hoxe en día” argumentou Pérez Barral. No caso concreto das Carolinas proponse que o espazo se destine á creación dunha zona verde pública e dunha área de estacionamento gratuíto, algo que permitiría “reverdecer o barrio, crear un lugar de encontro e paliar a falta de prazas para residentes e clientes dos negocios da contorna”.

Pérez Barral subliñou que o proxecto debe deseñarse con criterios de sustentabilidade ambiental, integración paisaxística e accesibilidade: “Queremos un modelo de vila pensado para as persoas, no que o espazo público sexa unha prioridade e contribúa ao benestar colectivo e facilite a actividade comercial”.

Pérez Barral concluíu asegurando que “imos seguir traballando como sempre fixemos: escoitando á veciñanza e presentando propostas en positivo que melloren Ribeira e a vida diaria das persoas. Ese é o noso compromiso e a nosa maneira de construír un concello coas persoas no centro”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *