AD

Actualidad

Pontón propón baixar o IVE dos alimentos básicos, a gratuidade dos libros de texto e un bono transporte

today9 febrero, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

Pide o voto para o BNG a todas os e as galegas preocupadas pola situación económica para poñer en marcha un goberno que sitúe ás persoas no centro

Pregúntase por que o PP segue agochando a Rueda e por que lle dá plantón aos galegos e galegas nos debates: “É unha falta de respecto á cidadanía”

Santiago de Compostela, 9 febreiro 2023.-  A candidata á Presidencia, Ana Pontón, visitou este venres na Coruña o mercado municipal de Elviña onde abordou unha das principais preocupacións da cidadanía: a carestía da vida, ao tempo que explicaba as propostas de goberno do BNG para axudar ás familias ante a “desorbitada” subida de prezos. Destacou, entre outras, a proposta de baixar o IVE dos alimentos básicos, a gratuidade dos libros de texto e un bono transporte para axudar ás familias a chegar a fin de mes.

“No BNG seguimos empeñados en falar dos problemas reais da xente deste País, das cuestións que impactan de cheo na vida dos galegos e das galegas”, contrapuxo fronte ao intento doutras forzas de estatatalizar a campaña con cuestións alleas aos preocupacións da maioría social. “Moitas familias están tendo problemas porque os salarios non dan máis de si mentres soben a cesta da compra, as hipotecas, os carburantes ou os prezos da vivenda”, subliñou durante a visita ao mercado, na que estivo acompañada pola cabeza de cartel pola Coruña, Mercedes Queixas.

Neste sentido, avanzou que unha das primeiras medidas que porá en marcha como presidenta será a gratuidade dos libros de texto para axudar ás familias de cara ao inicio do curso escolar, facilitando un aforro importante ás familias.  Co BNG liderando o goberno, a gratuidade comezará a aplicarse xa a partir do vindeiro curso.

Pontón comprometeuse tamén a recuperar a tarxeta básica para axudar as familias con menos recursos na compra de alimentos e medicinas. “Mentres lle baixaba os impostos en 34 M€ ás 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza, o PP suprimiu esta tarxeta básica, que o BNG vai reactivar”, subliñou Pontón, incidindo en que quere ser a presidenta dun goberno que poña á xente no centro das súas políticas.

Neste mesmo sentido, avanzou que como presidenta negociará a rebaixa do IVE nos produtos de alimentación básica, como a carne ou o peixe, un IVE superreducido do 4% que o BNG pedirá que se aplique tamén á factura do gas, negociando ademais que a baixada neste imposto se manteña de xeito permanente na da luz.

Subliñou, a continuación, que unha das medidas prioritarias do seu goberno será precisamente a creación dunha tarifa eléctrica galega para ter unha factura da luz máis barata, como ocorre xa noutras países de Europa que teñen unha factura máis barata naqueles territorios que, como Galiza, son produtores de electricidade.

A candidata á Presidencia adiantou que o goberno do cambio que aspira a liderar porá en marcha, en colaboración con outras administracións, un bono transporte que permita viaxar por 30€ ao mes en calquera modalidade do transporte público, xa sexa en tren, autobús ou transporte de ría. “Con este bono imos adaptar as tarifas do transporte público en Galiza ás que xa existen en Europa, axudando ás familias, e tamén promoveremos unha mobilidade máis sostible”, salientou.

Pontón referiuse, por outra banda, á preocupación que supón a carestía nos prezos da vivenda para moitos galegos e galegas, un problema que o programa de goberno do BNG quere axudar a resolver habilitando arredor de 12.000 vivendas públicas nos vindeiros anos. Para iso, explicou Pontón, o seu goberno porá en marcha un novo modelo que consistirá na compra masiva de vivenda baleira para poñela no mercado en réxime de aluguer a prezo limitado, de xeito que sexa asumible polas familias e a xente moza.

“Galiza ten 500.000 vivendas baleiras, 90.000 delas nas cidades, unha cifra astronómica”, lembrou a candidata, destacando que o modelo proposto polo BNG para mercar vivenda xa construída “permitirá dar unha solución moito máis rápida e, ademais, más sostible”, poñendo fin a 15 anos nos que o PP non fixo máis que “dinamitar” a política de vivenda pública.

Áreas tensionadas

No que se refire á vivenda, o programa de goberno co que Pontón concorre a estas eleccións inclúe tamén un paquete especial de axudas ao aluguer, e co compromiso de facilitar a declaración de áreas tensionadas naqueles concellos de máis de 10.000 habitantes no que o prezo da vivenda se incrementase máis dun 20 % nos últimos cinco anos.

Pontón aproveitou a visita ao mercado municipal de Elviña para facer unha chamada a todas as persoas que están preocupadas pola situación económica, a suba de prezos, a precariedade laboral e os salarios que se quedan curtos, pedíndolles que voten BNG para a partir do 18-F poñer en marcha un goberno que “vai estar á altura da súa confianza traballando día a día por mellorar as súa vidas”, destacou.

“A todas esas persoas quero dicirlles que o 18 de febreiro podemos deixar atrás esta Galiza que vai a menos, e poñer en marcha unha Galiza con futuro”, asegurou, remarcando que as dúas claves que son necesarias para o cambio: “unha mobilización masiva nas urnas, que ningún voto se perda, e concentrar todo ese voto de cambio no BNG. É o momento de apostar todo ao Bloque”, concluíu.

“A cidadanía ten dereito aos debates”

Por outra banda e a preguntas dos medios, Pontón volveu reclamar ao candidato do PP, Alfonso Rueda, que se deixe de escusas e acuda tanto ao cara a cara coa líder da oposición como ao resto de debates aos que sexa convocado.

Logo de recordar que o BNG xa confirmou a súa presenza tanto no cara a cara proposto pola Cadena Ser, como no debate a tres proposto por TVE, a candidata nacionalista preguntouse “por que o PP segue escondendo ao seu candidato e por que alguén que quere presidir a Xunta lle dá plantón aos galegos e ás galegas”.

“É unha falta de respecto á cidadanía, que ten dereito a ese debate e a ese contraste de proxectos e ideas”, afirmou para pedirlle unha vez máis ao PP que se deixe de escusas e que acuda aos debates aos que está convocado. “Un candidato á Presidencia da Xunta non ten nada máis importante que facer nunha campaña que asistir aos debates aos que se lle convoca”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%