AD

Actualidad

PP e PSOE unidos nas críticas á zona ORA na contorna do CHUS

today7 marzo, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

O Partido Popular de Santiago esíxelle ao Goberno do BNG a retirada inmediata da zona ORA nas rúas da contorna do hospital Clínico, xa que a implantación deste sistema nesta zona leva xerando, desde hai unha semana, diferentes críticas por parte da veciñanza, así como dos propios traballadores e usuarios deste recinto, que ven a medida como unha recadación “ruín, xa que o BNG estase a aproveitar dos usuarios dun hospital”.

O concelleiro popular, Adrián Villa, destacou que, “desde este mércores, momento no que se comezou a sancionar nas rúas de arredor do CHUS, os populares avisamos do afán recadatorio da medida”. “Tamén denunciamos que a iniciativa estaba “plagada” de “chapuzas”, como: fallos nos parquímetros, erros na APP móbil de pago da ORA; e, a maiores, había unha clara falta de planificación, improvisación e descontrol por parte do goberno municipal”.

Unha vez deron comezo as sancións, veciñanza, traballadores e usuarios do CHUS veñen observando como as prazas da zona azul quedan baleiras, o que supón un agravamento do problema de circulación na zona e un aumento de vehículos aparcados no interior do recinto hospitalario.

Villa explica que “os usuarios, ben por descoñecemento, ou polo medo de ser sancionados, no caso de non poder renovar o tícket, ao estar sendo atendidos nas instalacións sanitarias; ou por non pagar este tarifazo, tratan de aparcar dentro do propio ámbito do Hospital.

“É dicir, o goberno nacionalista de Santiago, o que fixo, foi xerar un problema máis que antes non o existía”, subliñou o concelleiro popular súmase tamén ás queixas da propia veciñanza que, “pagando os seus impostos municipais, ven como o Goberno do BNG lles quita zonas de aparcamento e os obriga a buscarse a vida todos os días”.

“Este feito provoca que teñan que desprazar os seus vehículos a zonas sen ORA, algo que, sen ningunha dúbida, está a xerar desigualdade con outros barrios da cidade nos que, ou ben contan con zona libre de ORA, ou incluso con zona de residentes”, destaca o popular.

Tamén remarcou que “toda a veciñanza compostelá ten moi claro que esta medida, posta en marcha polo goberno nacionalista, ten unha única finalidade, recadar, recadar e recadar, nada máis”.

O PSOE  pedirá no pleno ao bipartito que rectifique a zona ORA en Santa Marta

Pola súa banda o Grupo Socialista anuncia que levará a pleno o debate sobre a pertinencia da zona ORA en Santa Marta. O fai despois de que o seu portavoz comprobase in situ como o aparcadoiro do Clínico xa desperta, incluso antes de que comecen as consultas médicas, practicamente cheo. Muíños insiste en que é a extensión da zona azul a diferentes rúas de Santa Marta o que provocou que algúns dos vehículos ‘ventosa’ que se estacionaban nesas prazas, agora o fagan nas inmediacións do CHUS “complicando, máis aínda, a situación que xa era crítica”.

Gonzalo Muíños explica que a extensión da zona ORA a rúas como a Avenida de Barcelona, Bilbao ou Antonio Rama, favoreceu a eliminar desas zonas os vehículos que permanecían estacionados durante toda a semana, pero cuestiona que esta medida perxudique a situación do propio aparcadoiro do Clínico.

Aínda recoñecendo que a zona azul en Santa Marta “podería ser necesaria”, insiste en que antes de iso “era preciso mellorar a rotación na propia contorna do Clínico” algo que, recorda, “só pode facer a Xunta”.

Así as cousas, no pleno deste mes de marzo, os socialistas levarán unha iniciativa solicitando ao bipartito que rec6fique o actual sistema e negocie coa Xunta de Galicia para que esta estableza “os sistemas necesarios para mellorar a rotación dentro do propio parking do CHUS”. Insiste Muíños en que este é un “paso previo necesario” antes da implantación da zona azul nesas rúas porque, deste xeito, critica “comezamos a casa polo tellado”.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%