AD

Actualidad

PPdeG presenta o seu Programa de Goberno con 870 propostas: “Galicia funciona e así vai seguir sendo”

today28 enero, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

  • O documento é “ilusionante” e ao mesmo tempo “realista”, co aval que aporta que os populares galegos teñan cumprido os seus compromisos. “Galicia funciona e así vai seguir sendo”, subliñan

28 de xaneiro de 2024. O PPdeG dá a coñecer hoxe, a través da web rueda.gal, o seu Programa de Goberno para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro, que recolle 870 propostas para seguir construíndo entre todos a mellor Galicia para vivir, investir e formar unha familia. “Unha Galicia da que todos podemos sentirnos orgullosos, liderada por Alfonso Rueda”, subliñan os populares.

“A nosa terra non deixou de mellorar nas últimas catro décadas. Temos un gran camiño percorrido, pero o mellor aínda está por vir e a mellor forma de facelo é desde a unidade, a concordia e a estabilidade”, din.

O documento, presentado onte en Lugo, trátase dun programa “ilusionante” e ao mesmo tempo “realista”, co aval que aporta que o PPdeG teña cumprido os seus compromisos. “Galicia funciona e así vai seguir sendo, imos seguir avanzando porque Galicia non para”, engaden.

O Programa de Goberno 2024-2028, que traza o percorrido rumbo á Galicia da nova década, divídese en tres eixes: A Galicia das persoas, A Galicia que prospera e A Galicia do futuro.

Os populares galegos queren seguir apostando polas familias e pola educación, coa cobertura total de recursos de conciliación gratuítos de atención á infancia 0 a 3 anos e favorecendo a conciliación das familias con nenos de ata 12 anos nos períodos non lectivos, ou reducindo a ratio de alumnos por profesor.

No programa tamén se avoga por mellorar os servizos públicos, convocando máis de 4.000 novas prazas de emprego público para reter e captar o talento dos mozos e mozas do noso país; destinando o 1% do PIB a recursos para as universidades; construíndo novos centros de saúde, incorporando persoal de saúde mental e aumentando o de enfermaría; ampliando hospitais e reducindo as listas de espera; así como reducindo a carga de traballo do persoal sanitario de atención primaria.

Ademais, o PPdeG completará a conversión dos corredores en autovías e poñerá en servizo novas vías de altas prestacións libres de peaxe.

MEDIDAS DO BERCE AO BASTÓN

Entre as medidas non falta o apoio aos mozos e mozas, impulsando axudas ao alugueiro para menores de 36 anos, facendo gratis a primeira matrícula universitaria nos estudos de grao, creando espazos xoves nas cidades e reforzando os programas de emprego xuvenil.

Mentres, tamén se atende o coidado dos nosos maiores e aos dependentes, con máis prazas públicas de atención residencial, reforzando os equipos de valoración de dependencia para reducir tempos de espera, poñendo en marcha a estratexia contra a soidade non desexada, estendendo o carné +65 e creando novos centros de coidados intermedios.

Ao tempo que se continúa axudando aos que máis o precisan: duplicando o parque de vivenda ata dispoñer de 8.000 vivendas de promoción pública en 2028, desenvolvendo solo residencial para 20.000 vivendas protexidas, e reforzando as axudas de inclusión social.

Así mesmo, mantense vixente o compromiso co noso rural e o noso mar, creando un banco de negocios viables no medio rural, iniciando a mobilización de ata 50.000 hectáreas de terras abandonadas, e promovendo unha plataforma virtual de venda de produtos do mar.

Sen esquecer seguir facendo de Galicia o mellor lugar para investir e emprender, cunha nova Lei de apoio ao emprendemento; cunha estratexia turística para o horizonte 2030; con plans de impulso dos sectores industriais estratéxicos; ou dotando de 360 millóns de euros as medidas para autónomos.

Para rematar, o programa incorpora un último apartado denominado A dignidade de Galicia, que recolle o reforzo do autogoberno.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%