Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A veciñanza do concello de Brión amosa a súa crecente preocupación pola escalada de pequenos roubos que se están a producir nas últimas semanas en diferentes puntos do municipio, así como polos reiterados cortes de internet e telefonía, provocados polo sabotaxe deliberado do cableado.
Segundo denuncian os veciños e veciñas, estes feitos están a xerar unha sensación de medo e indefensión, especialmente durante a noite, nun concello tradicionalmente tranquilo e con pouca poboación. O último roubo produciuse esta pasada noite, cando un veciño sufriu a subtracción de maquinaria por valor de uns 4.000 euros. A semana anterior, outra vivenda foi asaltada aproveitando a ausencia dos propietarios.
A situación complícase aínda máis polos cortes intencionados nos cables de internet, que deixan durante días zonas enteiras sen conexión nin cobertura móbil. Isto supón un grave problema de seguridade, xa que moitas alarmas e cámaras de vixilancia deixan de funcionar, pero tamén un prexuízo económico directo para persoas autónomas que traballan desde as súas casas. “Se non hai internet, non hai traballo, e se non hai traballo, non cobramos”, sinalan os afectados.
Segundo trasladan os veciños, a Garda Civil é coñecedora da identidade dos autores, pero a lexislación actual fai que, tras seren detidos, queden en liberdade en poucas horas, o que incrementa a frustración e a sensación de abandono por parte da cidadanía.
A veciñanza reclama de maneira urxente máis presenza policial durante as noites, así como unha actuación decidida para garantir unhas infraestruturas de comunicación seguras e estables, fundamentais tanto para a seguridade como para a actividade laboral.
“Non pedimos privilexios, só poder vivir tranquilos nas nosas casas”, conclúen.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)