AD

Actualidad

«Queremos revitalizar Portodemouros para albergar actividades náuticas e eventos deportivos»

today16 julio, 2024

Fondo
share close
AD

Begoña Balado, concelleira de Turismo, Comercio e Obras no casco urbano de Arzúa, detallou en Radio Líder Santiago diversos proxectos e eventos para o concello. A entrevista abordou asuntos de actualidade, incluíndo iniciativas a curto e medio prazo para mellorar a calidade de vida e promover o turismo en Arzúa.

A edil socialista explicou que para o último fin de semana de setembro, Día Mundial do Turismo, está previsto un evento de tres días que incluirá actividades gastronómicas, actuacións musicais, rutas turísticas, tapeo polos restaurantes e un mercado de produtores locais. Estas actividades teñen como obxectivo impulsar a economía local e ofrecer unha experiencia completa aos visitantes.

Balado anunciou ademais que se están organizando excursións dúas tardes á semana a distintos enclaves do concello, como as fervenzas das Hortas ou O Enredos do Abelleiro, entre outros. Estas actividades xurdiron en resposta ás peticións dos hostaleiros e albergues locais, que demandaban máis actividades para os visitantes. Recentemente, a Oficina de Turismo de Arzúa rexistrou a visita de 440 persoas, incluindo numerosos visitantes de Costa Rica e Panamá, dous países que estan moi de moda no Camiño de Santiago.

Arzúa é un dos concellos con máis aloxamentos de turismo rural en Galicia, ofrecendo opcións para todos os niveis económicos. No entanto, a proliferación de Vivendas de Uso Turístico (VUT) está a xerar preocupación. Balado destacou a necesidade de regular estas vivendas para garantir que estean legalizadas e regulamentadas, evitando así que perxudiquen ao resto de establecementos. Esta regulación está en proceso de estudo e prevese que se implante de cara ao ano que ben.

Doutra banda, e grazas a un convenio bianual con Turismo de Galicia, recentemente se reabriu o chiringuito de Ribadiso, unha área recreativa que estivo pechada durante cinco anos. Ademais, Balado mencionou os esforzos para recuperar a actividade deportiva en Portodemouros, un espazo que pertence a Naturgy. A concelleira indicou que están en negociacións para que a empresa de enerxía ceda o espazo ao Concello para poder acometer as melloras necesarias, aínda que recoñeceu que este proceso non é sinxelo e require a colaboración da Deputación e da Xunta. A idea é revitalizar este lugar privilexiado no centro de Galicia con actividades náuticas e eventos deportivos internacionais, xa que non hai moitos anos celebrábase neste enclave o Campionato de Europa de Piragüismo.

A edil de Obras de Casco Urbano lembra que Arzúa celebra as súas feiras os días 8 e 22 de cada mes, e que cada vez está máis de moda comer o polbo na vila. Por iso, a zona dos pulpeiros verá melloras coa instalación de vidreiras con imaxes antigas do municipio, que servirán para protexer da choiva e embelecer o espazo. Balado tamén anunciou o inicio da segunda fase das obras na Rúa Fraga do Rei, que comezarán despois do verán, e a remodelación do parque próximo ao Multiusos cunha inversión de 180.000 euros. Outras melloras urbanísticas incluirán intervencións na Rúa da Calexa, Rúa Nova e espazos vinculados ao Camiño de Santiago.

Finalmente, Balado destacou o traballo que se está a realizar para que a Festa do Queixo, que celebrará o seu 50 aniversario en 2025, sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional, subliñando a importancia desta celebración para Arzúa e a súa tradición queixeira.

A entrevista completa, no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%