Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 octubre, 2025
Radio Líder Santiago e Chichalovers unen forzas para poñer en marcha “Onda Chicha”, unha iniciativa que quere dar voz e visibilidade ás novas bandas e artistas galegos. O proxecto busca apoiar o talento local ofrecendo unha plataforma real de promoción, con entrevistas en radio, gravacións profesionais e a posibilidade de formar parte do ChichaFest que se celebrará en maio na Sala Capitol de Santiago.
A proposta, presentada nos estudos de Radio Líder Santiago, contou coa participación de Graciela Castro, fundadora de Chichalovers, acompañada por Cibrán García, membro de Boyanka Kostova e agora inmerso no seu proxecto en solitario Saibran, e por Xián Castro, integrante da banda compostelá Úlex.
Durante a entrevista, Graciela explicou que “Onda Chicha nace para crear comunidade arredor da música, da gastronomía e da cultura galega. Queremos ser un punto de encontro entre artistas e público, ofrecendo espazos de difusión e oportunidades reais”.
Cada mes abrirase unha nova convocatoria de inscrición, dirixida a artistas ou bandas residentes en Galicia, maiores de 18 anos. Deben ser proxectos emerxentes sen contrato discográfico activo (non se aceptan versións como proposta principal). As bandas seleccionadas cada mes terán:
– Unha entrevista en Radio Líder Santiago,
– A gravación dun tema en Chichalovers,
– A posibilidade de actuar no ChichaFest 2026 na Sala Capitol en maio, compartindo escenario con outros talentos galegos.
Durante a presentación, os músicos invitados destacaron a importancia desta oportunidade. “Calquera apoio á xente nova que fai música é benvido. Non é doado asomar a cabeza, e iniciativas como esta son un impulso fundamental”, subliñou Cibrán García.
O prazo para inscribirse na primeira edición de “Onda Chicha” remata o 28 de outubro, e as seguintes convocatorias serán anunciadas nas redes sociais de Chichalovers e de Radio Líder Santiago.
A participación é gratuíta e está aberta a proxectos de todos os estilos musicais, con prioridade para os que canten en galego.
Con “Onda Chicha”, Radio Líder Santiago e Chichalovers convidan a toda a comunidade musical galega a sumarse a un movemento que mestura cultura, gastronomía e radio, para seguir facendo país a través da música.
Escrito por Líder Redacción
Artistas emerxentes galegos Artistas galegos ChichaFest chichalovers Música Galega Onda Chicha radio lider santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)