Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 marzo, 2025
«Poucas festas conseguen chegar aos 50 anos, e estamos facendo un esforzo especial», afirmou o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, durante unha entrevista en Radio Líder Santiago. A capital do queixo galego prepárase para unha edición moi especial da súa festa máis emblemática, que se celebrará do 14 ao 16 de marzo, con récord de expositores, unha programación ampliada e un festival musical de primeiro nivel.
A festa, que honra a tradición queixeira de Arzúa, supón un importante revulsivo para a economía local. «Moitos comercios e hostaleiros arrancan a tempada grazas ao impulso desta celebración», destacou Carril.
Un dos grandes fitos desta edición é o récord de 270 expositores, dos cales 80 estarán dedicados exclusivamente ao queixo. Debido á alta demanda, o recinto ampliouse con novas casetas no exterior para dar cabida a artesáns e produtores de alimentación gourmet. «Por desgraza, houbo que deixar algúns expositores fóra porque o recinto non dá para máis», lamentou o alcalde.
Ademais, este ano presentarase un libro especial: «50 anos, 50 receitas, un queixo», que recolle elaboracións con este produto estrela da gastronomía galega.
O Festival do Queixo, parte esencial da celebración, contará con artistas de renome como Xoel López, The Rapants, Cariño ou Melidaos. Unha das novidades é «O Son d’Arzúa», un espectáculo que reunirá a músicos locais nunha actuación conxunta. «É unha experiencia nova que levamos moito tempo preparando e que será espectacular», asegurou o rexedor.
Nesta edición, o festival será de acceso totalmente libre e sen aforo limitado, permitindo que todo o público poida gozar da música sen restricións.
Para garantir unha gran afluencia, o Concello de Arzúa puxo en marcha unha intensa campaña de promoción en cidades como Santiago, Lugo, Lalín e Betanzos. Autobuses urbanos, carteis e medios de comunicación están a difundir a importancia desta edición histórica. «Estamos ilusionados e esperanzados de que haxa unha gran afluencia de público», afirmou Carril.
A recoñecida chef galega Lucía Freitas, con estrela Michelin, será a encargada de dar o pregón. «O queixo de Arzúa é un produto versátil que cada vez está máis presente na gastronomía galega e fóra dela», destacou o alcalde.
A Festa do Queixo, considerada unha das grandes citas gastronómicas de Galicia, non só pon en valor un produto con denominación de orixe, senón que tamén reforza a identidade cultural e económica da vila. Como lembrou o alcalde a arzuanía celébrase en cada anaco de queixo.
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)