AD

Comarca

Rianxo encara 2026 cunha ambiciosa remodelación da fachada marítima e a posta en marcha do Centro de Día

today27 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

O 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, foi o punto de partida dunha conversa ampla con Julián Bustelo, alcalde de Rianxo, quen repasou a actualidade municipal e social nunha entrevista na que reivindicou a loita pola igualdade, a responsabilidade institucional e o compromiso co municipalismo.

“Tristemente temos que seguir marcando este día no calendario para denunciar a violencia que sofren as mulleres polo simple feito de selo”, afirmou Bustelo, lembrando que en Rianxo “todas as administracións deben poñer o foco na denuncia, na visibilización e na sensibilización”.

Ao facer balance de xestión, Bustelo afirmou que o equipo de goberno mantén intacta a ilusión do primeiro día. “Seguimos coas mesmas gañas de traballar, coa mesma enerxía e vontade de servir aos veciños e veciñas”, asegurou. O rexedor destacou que neste exercicio “se licitaron, adxudicaron e mesmo executaron actuacións que superan o millón e medio de euros”, o que eleva o investimento total da lexislatura por riba dos tres millóns de euros.

Entre as prioridades, o alcalde sinalou a ampliación das redes de abastecemento e saneamento, en especial nas parroquias que carecían destes servizos básicos: “Aínda temos lugares nos que recentemente levamos por primeira vez a rede de auga. Son cuestións esenciais para a calidade de vida da veciñanza”. Tamén mencionou melloras en instalacións culturais e deportivas, necesarias para “conservar e modernizar espazos que teñen moitísimo uso e que son sinais de identidade comunitaria”.

Un dos proxectos estrela que o Concello quere impulsar nos vindeiros meses é a remodelación integral da fachada marítima. “Queremos facer máis amable ese espazo para os veciños e para quen nos visita. Rianxo precisa unha fachada que sexa tan atractiva como calquera outra vila costeira”, explicou Bustelo, quen adiantou que xa se está traballando no deseño e na busca de financiamento.

O centro de día, un soño a piques de ser realidade

Outro fito destacado é o centro de día, un servizo moi demandado pola poboación e que será financiado pola Deputación da Coruña. “É un equipamento polo que levamos anos loitando. Elaboramos o proxecto con asesoramento técnico especializado e, finalmente, a Deputación comprometeuse a sufragar a súa execución. Agora toca facelo realidade”, anunciou con satisfacción.

Cuestionado sobre as relacións con outras administracións, Bustelo defendeu unha visión pragmática e colaborativa: “Petamos en todas as portas, sexan da cor que sexan. Hai que saber reclamar cando corresponde, pero tamén recoñecer cando se fan as cousas ben. O que importa é o beneficio dos veciños e veciñas”. O alcalde agradeceu o apoio da Deputación e salientou avances nas relacións coa Xunta de Galicia e o Goberno central, especialmente en proxectos como a remodelación da Casa do Mar.

Sobre a experiencia de gobernar en minoría, o rexedor foi claro: “Foi unha decisión meditada. Entendemos que era posible e útil, porque obriga a dialogar, a negociar e a buscar acordos. Non nos arrepentimos, e os resultados están aí: moitos proxectos saíron adiante por consenso”. En outubro, por exemplo, o pleno aprobou por ampla maioría modificacións de crédito que permitirán financiar novas actuacións municipais.

No ámbito fiscal, Bustelo garantiu que non haberá subas de impostos nin taxas en 2026. “Non subimos ningún imposto desde que chegamos ao goberno, e tampouco o faremos agora”, asegurou. Sobre a taxa do lixo, explicou que o Concello traballa na licitación dun novo contrato e na posible xestión conxunta do servizo con outros municipios da comarca, como Boiro e A Pobra do Caramiñal. “É a mellor maneira de prestar un servizo máis eficiente e menos custoso para as arcas municipais”, defendeu.

O rexedor recoñeceu que o servizo actual é mellorable e que xa supón un déficit para o Concello duns 300.000 euros anuais, pero insistiu en que “non ten sentido falar de subas mentres non se coñeza a foto final do novo modelo de recollida”.

Vocación, ilusión e futuro político

A entrevista pechouse cun ton máis persoal. Ao ser preguntado se segue desfrutando do cargo, Bustelo non dubidou: “Si, sigo desfrutando. Este traballo gústame e dáme moitas satisfaccións, mesmo nos días malos. Hai momentos difíciles, pero tamén moitos nos que ves que o esforzo paga a pena”.

O alcalde, que iniciou a súa traxectoria política en Rianxo en Común, reivindicou o valor das forzas municipalistas: “Representamos un espazo vivo e necesario, que pon o foco no local, no servizo público e na participación veciñal”.

En canto a unha posible candidatura para 2027, respondeu con cautela: “Queda moito por facer e o tempo pasa rápido. Agora toca traballar. O futuro xa se verá”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *