A onda de roubos rexistrada nas últimas semanas en distintos puntos da comarca de Santiago, como Teo, Ames ou Brión, chegou agora á comarca do Barbanza. En concreto, no concello de Rianxo rexistráronse nos últimos días varios pequenos roubos en establecementos comerciais, así como furtos no interior de vehículos.
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, informou de que, ante esta situación, o Concello puxo en marcha un dispositivo especial de vixilancia e seguridade cidadá en colaboración coa Garda Civil, do que xa se derivaron “importantes actuacións”.
Con todo, Bustelo lamentou que este mesmo día se producise un novo intento de roubo nun supermercado da vila. A persoa responsable foi detida esta mesma tarde nunha operación conxunta da Policía Local e da Garda Civil.
Desde o Concello confirman que o dispositivo especial de seguridade continuará activo nas próximas xornadas. “Non imos permitir que este tipo de situacións se normalicen no noso pobo”, subliñou o rexedor rianxeiro.



Comentarios de las entradas (0)