Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 noviembre, 2024
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024. O Grupo Municipal Socialista non parece disposto a baixar os brazos e levará novamente ao pleno de mañá a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado ante a deriva dos prezos do alugueiro en Santiago, que na última década medraron nun 55% segundo datos do Observatorio de Vivenda de Galicia.
Mercedes Rosón acusa ao executivo de Sanmartín de “inacción ante o problema da vivenda” e pedirá explicacións ao concelleiro de Urbanismo polos avances acadados na
documentación para motivar a declaración. Lembra Rosón que os socialistas solicitaran xa no pleno do mes de xaneiro que o Concello iniciara os trámites para motivala e, desde entón, “non se coñecen avances salvo un contrato menor en xullo para a elaboración dun informe-diagnose da situación da vivenda en Santiago”.
A edil socialista tampouco aforra en críticas á Xunta de Galicia a quen acusa de “entorpecer os trámites para dificultar o acceso á declaración”, toda vez que o goberno de Alfonso Rueda incorporou na adaptación galega da Lei estatal polo Dereito á Vivenda novas esixencias, como a creación dunha mesa sectorial.
“Estamos ante unha cuestión estratéxica e fundamental para mellorar a vida das persoas que queren vivir en Santiago, e que queren facelo sen deixar máis da metade do seu soldo só no alugueiro” defendeu Rosón quen reclama “dilixencia” ao goberno local porque, de momento, “á espera de explicacións”, asegura que “pouco ou ningún avance houbo nesta cuestión, e as familias novas e a xente moza precisa que alguén poña límite a uns prezos de alugueiro que non deixan de medrar”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)