Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 septiembre, 2025
Hai quen espera por unha cita médica, hai quen espera por un concerto… e hai quen espera dous anos para tatuarse con Sara Pérez. Esta artista boirense, pioneira no estilo de tatuaxe microrealista en Galicia e España, converteuse nun fenómeno dentro e fóra das redes sociais. Hoxe, as súas listas de espera son lendarias. En só media hora recibiu máis de 1.600 solicitudes por correo electrónico. “Desde as 11:00 ata as 11:30 entraron 1.600 correos… e aínda así houbo quen non conseguiu cita”, conta con sorpresa, como se aínda lle custase crer o que está a vivir.
Sara comezou tatuando desde a casa durante a pandemia, pero o seu talento non pasou desapercibido. O estilo de liña fina e realismo a pequena escala que desenvolveu, case como quen debuxa con boli sen posibilidade de erro, fíxoa destacar nun mundo dominado tradicionalmente por tatuaxes grandes e agresivos. “Quería facer algo diferente, máis delicado, que lle gustase tamén ás mulleres. E conseguino”, explica.
Co paso do tempo, a súa clientela foi medrando máis alá das comarcas galegas, e agora Sara Pérez ten dous estudos en funcionamento: un en Boiro e outro en Santiago de Compostela. Pero o salto que está a piques de dar é moito maior: este mes de decembro viaxa a Nova York para tatuar nun estudio no centro de Times Square. “Chamaronme dende alí porque alí case non hai tatuadores que fagan o que eu fago: tatuaxes pequenos, microrealistas e moi detallados”, relata. Será a súa primeira vez nos Estados Unidos, e todo chegou grazas ás redes sociais e ao boca a boca do seu traballo impecable.
“Eu non fixen isto por fama. Se o meu traballo non fose bo, ningún influencer me recomendaría. O que fixo que todo funcionase foi o esforzo, a calidade e facer algo que ninguén estaba facendo aquí”, afirma.
E mentres ela prepara o seu primeiro voo a Nova York, en Galicia continúa a medrar a demanda por un anaco da súa arte. Cada tatuaxe leva tempo, precisión, sensibilidade. E iso non se pode apurar.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)