Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 septiembre, 2025
Aitor Bouza, secretario xeral do PSdeG en Santiago, afronta desde esta semana unha nova etapa como deputado no Parlamento de Galicia. Na súa primeira entrevista tras confirmarse a súa entrada, en Radio Líder Santiago con Álvaro Veiga, amosouse “con moita ilusión e responsabilidade” e subliñou que o seu traballo terá un claro rumbo: trasladar as inquedanzas da veciñanza compostelá ao Pazo do Hórreo.
“A miña primeira prioridade no Parlamento será a defensa evidente dos servizos públicos”, asegurou Bouza, quen cargou contra a xestión da Xunta en educación e sanidade. “Temos un goberno que deixa a educación e a sanidade baixo mínimos. Faltan profesores e as infraestruturas educativas están desbordadas. Non é por falta de cartos, senón de prioridades”, denunciou. O socialista avanzou que manterá unha axenda de encontros coas ANPAs e comunidade educativa para recoller as demandas e levalas á Cámara galega.
En clave local, Bouza foi moi crítico coa situación da capital: “Santiago está paralizada: a limpeza, a vivenda e os servizos non funcionan”. Enumerou retrasos en contratos municipais, falta de planificación en infraestruturas deportivas e un bloqueo en materia de vivenda. “Como pode ser que as parcelas sigan sen cederse á Xunta? É unha cuestión prioritaria e aínda non se fixo nada”, lamentou.
O secretario xeral socialista defendeu o papel do seu partido na oposición municipal: “O único pacto que temos en Compostela é cos veciños e veciñas. Apoiamos todo o que sexa positivo para a cidade, pero tamén seremos esixentes para que se cumpra”. Tamén acusou ao PP local de practicar unha oposición “histriónica, de confrontación permanente, pero sen achegar nada en positivo”.
Bouza reivindicou a cohesión do PSdeG en Compostela tras unha etapa marcada polas divisións: “O partido está forte, cohesionado e con proxecto. O importante é centrarse en cambiar a vida da xente, non en disputas internas”. Insistiu en que a súa traxectoria como líder socialista compostelán non dependeu nunca dun cargo: “Levo anos defendendo á veciñanza dende colectivos sociais, educativos e deportivos, sen cobrar un euro do público”.
Mirando xa ás municipais de 2027, xa se escoitan nomes como o da deputada autonómica Patricia Iglesias, a tamén dirixente local e exedil en Raxoi Marta Álvarez Santullano, ou o do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. A estes súmase, sen descartarse, a posibilidade do propio Aitor Bouza. Preguntado ao respecto, o líder socialista compostelán evitou pecharse portas pero puxo o foco no proxecto colectivo: “Eu presentaríame se fora a mellor persoa para facelo, pero o importante é ter un proxecto sólido que devolva o orgullo á cidadanía”. Nesa liña, subliñou que a prioridade non son os nomes senón o futuro da cidade, ainda que «todos eles serían bos candidatos», asegura, agora “o fundamental é que o PSdeG chegue ás municipais de 2027 cun proxecto ambicioso, recoñecido pola xente como a mellor opción para Compostela”.
Na súa intervención, Bouza tamén puxo o foco no presidente da Xunta, Alfonso Rueda: “Non pode esquecer a capital de Galicia. Non se poden facer orzamentos que deixen a Compostela á marxe mentres noutras cidades gobernadas polo PP si chegan grandes investimentos”.
Defendeu a figura do líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen —dixo— “cada vez está con máis forza e vai demostrar que pode ser un bo presidente da Xunta”. En clave estatal, mostrou o seu respaldo a Pedro Sánchez fronte ás polémicas: “O PSOE actúa con contundencia e inmediatez ante calquera indicio de corrupción. Esa é a diferenza co PP”. E engadiu: “Admiro a Sánchez porque segue aí, malia os ataques persoais. Representa a esperanza de moitos españois e galegos”.
Escrito por Líder Redacción
aitor bouza deputado Entrevista politica psdg psoe Santiago de Compostela
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)