AD

Comarca

Teo publica a primeira guía histórica e turística do municipio

today13 marzo, 2025

Fondo
share close
AD
  • A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, acompañada pola concelleira de Cultura e Turismo e outros técnicos municipais, presentou hoxe no Salón de Plenos do Concello este libro
  • Recolle de forma resumida os principais datos do municipio e acontecementos históricos, ofrece ao lector unha radiografía dos case douscentos anos de vida deste concello

Teo (A Coruña), 13 de marzo de 2025.- A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, acompañada pola concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Rosende, pola técnica de Turismo, Liduvina Campoamor, e polo arquiveiro municipal, Pablo Sanmartín, presentaron hoxe no Salón de Plenos do Concello a primeira guía histórica e turística de Teo. Un libro que abarca os case douscentos anos de vida deste concello e que serve para dar a coñecer os feitos inéditos e o excepcional patrimonio teense.

Este libro recolle de forma resumida os principais datos deste concello coruñés e ofrece ao lector unha radiografía do pasado e presente dun dos municipios máis dinámicos nos últimos tempos, tanto polo seu crecemento poboacional como pola súa situación xeográfica privilexiada.

Neste senso, a rexedora municipal puxo en valor o gran traballo dos técnicos municipais que participaron no asesoramento documental deste libro. Así mesmo, incidiu que esta publicación pretende dar a coñecer á cidadanía todo o potencial que ofrece o Concello de Teo en materia cultural, así como o seu enorme potencial turístico, sendo unha alternativa estupenda e con encanto propio. Un concello con historia, con fortes tradicións e cun arraigo social e cultural que destacan e fan deste municipio un punto de referencia na comarca de Santiago.

Visibilización e promoción

Unha forma de promoción e visibilización dun dos concellos que ofrece un amplo abano de reclamos propios, con grandes tesouros e patrimonio de valor incalculable. De feito, ademais dos datos principais como pode ser a orixe da súa toponimia, localización, superficie e datos poboacionais, o libro fai un gran repaso pola súa historia dende a época prehistórica ata a actualidade, recollendo fitos tan destacados como a famosa Batalla de Cacheiras.

Tamén fai un amplo repaso polo patrimonio teense, tocando o natural, arqueolóxico, arquitectónico, etnográfico e inmaterial. Neste senso, ademais da información de interese, achéganse fotografías actuais e pasadas que achegan un extra e permiten ao lector descubrir a maxia de lugares tan destacados como a Carballeira de Francos, a área recreativa do Xirimbao ou visualizar a inmensidade do miradoiro da pena do Monte da Agrela.

Así mesmo, Teo posúe un excepcional patrimonio arqueolóxico composto por destacados xacementos rupestres, castros e máis de 30 petróglifos catalogados, case todos encadrados no Grupo Galego de Arte Rupestre. No tocante ao patrimonio arquitectónico, o municipio conta con moitos monumentos civís e relixiosos de gran interese. De feito, destacan unha ampla selección de cruces, cruceiros, petos de ánimas e viacrucis.

Por último, e non menos importante, o patrimonio etnográfico e inmaterial. Un legado ao que se suma o feito de ser lugar de paso das peregrinacións a Compostela e se complementa coas múltiples manifestacións relacionadas coa tradición oral, o chamado patrimonio intanxible: lendas, crenzas, costumes e rituais. Manifestacións da cultura popular como o famoso Entroido dos Xenerais da Ulla, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, ou a Feira Cabalar do San Martiño de Francos, que aspira a conseguir a mesma catalogación.

Pero tamén fai un percorrido pola historia musical e artística do municipio, destacando a famosa requinta, un instrumento propio destas terras que é un tipo de frauta traveseira deseñada para tocar coas gaitas. E, como non, as rutas que atravesan Teo, un reclamo turístico que permite coñecer boa parte do patrimonio do municipio, así como o Camiño Portugués teense.

Consulta de exemplares

O Concello mercou varios exemplares para distribuír nas dúas bibliotecas municipais e nas bibliotecas dos centros escolares de Teo, tanto de Educación Infantil e Primaria como de Secundaria. Desta forma, a rapazada e veciñanza poderá coñecer en profundidade a historia e tesouros do seu municipio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *