Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 febrero, 2026
Arzúa, 10 de febreiro – A Festa do Queixo de Arzúa dá un paso adiante no fortalecemento do seu modelo de colaboración co tecido empresarial local coa renovación e ampliación do patrocinio de TGM Toldos Gómez e Queixería Barral, que repiten e reforzan o seu compromiso asinando un acordo de dous anos como patrocinadores na categoría “Queixazo”.
Esta renovación non só supón a continuidade do apoio, senón unha ampliación notable das achegas, tanto a nivel económico como en servizos e accións directas que melloran a experiencia da festa e a súa visibilidade. Ambas entidades consolidan a súa implicación cun proxecto que combina tradición, identidade e proxección de futuro.
No caso de TGM Toldos Gómez, a empresa asume a produción das lonas, bandeirolas e parte da sinalética do evento, contribuíndo de maneira decisiva á imaxe e á organización dos espazos da festa. Unha achega fundamental para garantir a calidade visual e funcional dun evento que congrega cada ano milleiros de persoas.
Pola súa banda, Queixería Barral reforza a súa presenza cunha área específica de negocio dentro da festa, ademais da cesión de produto para agasallos, a entrega de queixos en diferentes accións promocionais e a colaboración en sorteos, achegando valor engadido tanto ao público asistente como á programación paralela do evento.
Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa, destaca que “a aposta a dous anos de Toldos Gómez e Queixería Barral como Queixazos é unha mostra clara de confianza nun modelo de festa sostible, enraizado no territorio e construído coa complicidade das empresas locais”. Un apoio estable que permite planificar a medio prazo, mellorar contidos e seguir medrando sen perder a esencia.
A Festa do Queixo de Arzúa continúa así a consolidarse como un referente non só gastronómico, senón tamén como exemplo de colaboración público-privada e de compromiso co rural, coa cultura e co produto de proximidade.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)