Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 abril, 2026
Ames, 17 de abril de 2026.- Os deportistas amesáns do club Squash Santiago, Thiago Vilas e Lucas Castillo acadaron cadansúa medalla de ouro nas categorías sub-13 e sub-17, respectivamente, no Campionato de España de squash celebrado a pasada fin de semana, entre os días 10 e 12 de abril, nas instalacións do Squash Ponferrada. Ademais destes dous ouros, outros tres deportistas do club Squash Santiago acadaron medalla: Pedro Alonso logrou a medalla de prata na categoría sub-13; Mara Prieto conseguiu un valioso bronce na categoría sub-17 feminina e Gael Prieto foi bronce na categoría sub-17 masculina. Ademais, participaron Roi Carreira, Nicolás Castro e Mauro Vilas na categoría sub-17.
O deporte amesán está de celebración logo das cinco medallas acadadas esta pasada fin de semana no Campionato de España de squash sub-13 e sub-17 por deportistas do club Squash Santiago, que ten as súas instalacións no Milladoiro. Catro dos medallistas son veciños/as de Ames.
Tiago Vilas e Lucas Castillo foron os campións masculinos das categorías sub-13 e sub-17, respectivamente. Tiago impúxose con solvencia ao non ceder ningún xogo durante o torneo e con este suma xa catro torneos estatais. Pola súa parte, Lucas, que viña de competir coa selección sub-19 no europeo, venceu na final ao vasco Itzel Reguero.
Ademais destes dous ouros, outros tres deportistas do club Squash Santiago acadaron medalla: Pedro Alonso logrou a medalla de prata na categoría sub-13, onde xogou na final contra o deportista amesán Thiago Vilas. Na competición feminina sub-17, Mara Prieto acadou a terceira posición nun podio que compartiu coa madrileña Andrea González e a murciana Mónica Hernández; e o seu irmán Gael Prieto tamén foi bronce na categoría sub-17 masculina.
Na categoría sub-17 tamén participaron outros tres deportistas do club Squash Santiago. Nicolás Castro, que foi sétimo; Mauro Vilas, que acadou a décima posición; e Roi Carreira.
Bolsas municipais ao deporte
Os irmáns Mara e Gael Prieto Mariño foron beneficiarios, no ano 2025, de 2 das 21 bolsas de axuda aos deportistas locais que ofertou o Concello de Ames. Unha convocatoria por valor de 10.000 euros que ten como obxectivo apoiar a práctica e o rendemento deportivo, así como posibilitar a participación dos e das deportistas do concello en eventos deportivos. Cada deportista puido optar a unha axuda máxima de 700 euros.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)