Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 octubre, 2026
Con esta actuación, o Museo Casa de la Troya, coa colaboración da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago, continúa co proxecto de achegar o seu patrimonio musical aos barrios e parroquias da cidade
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya e a Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos -entidade que xestiona o museo- promoven un concerto da súa agrupación musical, Troyanos de Compostela, no lugar de Amio, na parroquia compostelá de San Lázaro. Celebrarase no seu centro sociocultural, o vindeiro luns, 5 de outubro, ás 20:30 horas. A entrada é libre ata completar aforo.
Benigno Amor é o director do Museo Casa de la Troya e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos. Explica que “con esta actuación continuamos co proxecto de levar o noso repertorio, que é parte da banda sonora da nosa cidade, aos barrios e ás parroquias do rural do concello de Santiago. Consideramos que, dentro do obxectivo de conservar e difundir esta tradición, debemos tratar de chegar non só ás cidades, teatros e auditorios, senón tamén a lugares máis pequenos. É unha iniciativa coa que estamos moi implicados e da que nos sentimos especialmente orgullosos e para a que agradecemos a colaboración da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago”.
No transcurso do concerto soarán pezas musicais tan populares e vencelladas a Compostela como ”Lela”, “Fonseca” ou a “Foliada do rueiro”. Trátase de cancións integradas no disco que a agrupación presentou en 2018, baixo o título “Viva Galicia! A música no tempo da Casa da Troia”.
Esta actuación enmárcase no programa “Outubro Troyano”, que inclúe varios concertos de Troyanos de Compostela na contorna de Santiago, así como concertos didácticos doutros artistas no propio Museo Casa de la Troya, xunto a diversas actividades de corte cultural. Forma parte ademais da programación conmemorativa do centenario do falecemento de Alejandro Pérez Lugín.
Troyanos de Compostela
A agrupación Troyanos de Compostela, nacida en 2013, xurdiu como proxecto vencellado ao Museo Casa de la Troya co propósito de investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela La casa de la Troya de Pérez Lugín); e lembrar a figura e a obra de diversos compositores galegos daquel tempo. Desde a súa presentación, o grupo realizou múltiples actuacións, tanto en Santiago e na súa contorna como noutras localidades de Galicia, España, Portugal e Arxentina.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)