Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Val do Dubra, 4 de abril de 2026.– Val do Dubra vén de dar comezo a unha nova edición das Feiras do Abril coa inauguración oficial celebrada esta mañá no espazo público de San Lourenzo de Bembibre. Ás 12:00 celebrouse o acto oficial de inauguración co alcalde Diego Luis Díaz, acompañado do subdelegado do Goberno Julio Abade, do tenente alcalde Antonio Negreira, dos concelleiros e doutros representantes de concellos da comarca.
Tras este arranque, a programación continúa durante a tarde deste sábado cun amplo abano de propostas dirixidas a todos os públicos.
Logo do baile da man de Regueifa, os asistentes poideron asistir á degustación de produtos locais: pan de Val do Dubra, cachena e ovos de galiña de Mos.
Xa na tarde terán lugar o obradoiro de estampaxe de panos tradicionais (16:00–20:00 h), a charla sobre horta sostible a cargo de Nuska Chousa (17:00 h), o monólogo de Isi (18:30 h) e a sesión musical con Grupo Claxxon e Disco Móbil CDC (20:00 h).
O domingo 5 estará marcado pola exposición de gando, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:00 horas, así como pola continuidade dos obradoiros de artesanía (10:00–19:00 h), as xornadas de tiro ao arco (11:00–17:00 h) e a demostración de cestería con Sara Viña (11:00 h).
Tamén haberá outras actividades: ruta cabalar (11:30 h), un simulacro de Protección Civil (12:00 h), o obradoiro de extinción de incendios para a rapazada da man da AVPC Val do Dubra (12:30 h), a demostración de inoculación de shiitake en tronco impartido por Fungos da Cova (12:30 h), a actuación do Trío Alborada (14:00 h) e un faladoiro sobre apicultura con Alfonso Priegue (16:30 h).
A programación pecharase o luns 6 coa celebración do mercado mensual e da tradicional Festa da Empanada, que contará tamén con polbeira que disporá de diferentes elaboracións de vaca cachena e actuación musical a cargo do Dúo Matices.
Desde o Concello de Val do Dubra salientan a excelente resposta do público, xa que todas as actividades que requirían inscrición previa teñen as prazas completamente cuberta e convidan a veciños, veciñas e visitantes a gozar da nosa tradición e deste evento, xa asentado no calendario dubrés.
As Feiras do Abril confírmanse así como un espazo de promoción do produto local e de posta en valor da cultura e tradicións do rural galego, consolidándose como unha cita de referencia na comarca.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)