AD

Actualidad

Verea acusa o goberno local de non preparar a cidade para o Ano Santo

today11 octubre, 2026

Fondo
share close
AD
  • O líder do PP de Santiago pon en valor o traballo que xa están desenvolvendo a Xunta de Galicia e o Arcebispado na preparación do Xacobeo
  • “Santiago non é simplemente o lugar onde chegan os peregrinos, é a razón pola que comezan a camiñar desde diferentes puntos do planeta”

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, chamou a preparar a cidade para aproveitar “a oportunidade extraordinaria” que representa o Ano Santo 2027 e defendeu a necesidade de chegar ao inicio do Xacobeo cunha planificación que permita responder tanto ás necesidades dos composteláns como ás das persoas que visitarán Santiago.

Durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, Verea reivindicou a importancia histórica, espiritual e social do Ano Santo e o papel único que ocupa Compostela no Camiño de Santiago. “Santiago non é simplemente o lugar onde chegan os peregrinos. É a causa, é a razón pola que comezan a camiñar desde diferentes puntos do planeta”, afirmou.

O líder popular lembrou que durante máis de mil anos millóns de persoas percorreron Europa buscando chegar á tumba do Apóstolo e que esa historia foi construíndo, xeración tras xeración, “unha parte esencial da identidade santiaguesa e da identidade galega”.

Por iso, sinalou que preparar un Ano Santo significa tamén asumir “a responsabilidade de transmitir e compartir unha herdanza que recibimos de moitas xeracións anteriores e que temos a obriga de entregar ás seguintes”.

Verea destacou que un acontecemento desta dimensión require “planificación, investimentos e coordinación” e puxo en valor o traballo que xa están desenvolvendo dúas das institucións fundamentais na preparación do Ano Santo: a Xunta de Galicia e o Arcebispado de Santiago.

Neste sentido, destacou a planificación da Administración autonómica para o Xacobeo 2027 e referiuse ao Plan Director dos Camiños de Santiago, cun investimento de máis de 140 millóns de euros, á programación institucional do Xacobeo, á súa identidade corporativa, ao programa O teu Xacobeo e á colaboración co sector privado en materia de patrocinios.

Tamén puxo en valor o traballo do Arcebispado de Santiago, que xa deu pasos públicos na preparación do Ano Santo coa presentación do lema, a identidade visual e o himno. Verea destacou especialmente a dimensión espiritual da celebración, “unha dimensión esencial que temos que protexer, recoñecer e respectar”.

Unha cidade preparada para o Xacobeo

O líder do PP de Santiago incidiu en que a preparación do Ano Santo debe traducirse tamén en actuacións concretas na cidade. Limpeza, mobilidade, seguridade, mantemento dos espazos públicos, información aos visitantes e atención aos peregrinos son algúns dos ámbitos nos que considera necesario anticiparse e planificar.

Verea subliñou, ademais, que preparar Santiago para 2027 non significa pensar unicamente nas persoas que chegarán á cidade, senón tamén nos composteláns que viven e traballan nela e que compartirán os seus espazos cunha actividade extraordinaria durante o Ano Santo.

“O éxito do Xacobeo non debe medirse exclusivamente polo número de visitantes ou de peregrinos. É importante comprobar como funciona a cidade, como se atende ás persoas que nos visitan e como viven os santiagueses e as santiaguesas”, afirmou.

Neste sentido, Verea asegurou que “o Ano Santo ofrece unha oportunidade extraordinaria para Galicia e supón unha responsabilidade especial para Santiago” e engadiu: “Eu traballo para ser alcalde do Xacobeo a partir de maio e gustaríame atoparme unha cidade preparada”.

Fronte ao traballo da Xunta e do Arcebispado, “nada de nada” do goberno local

Verea contrastou finalmente os avances na preparación do Xacobeo por parte da Xunta de Galicia e do Arcebispado coa situación do Concello de Santiago, a terceira institución que, segundo destacou, ten unha responsabilidade fundamental no Ano Santo.

A menos de tres meses do inicio de 2027, o líder popular preguntou ao goberno do BNG que medidas ten previstas para preparar a cidade: “Que actuacións ten previstas o Concello? Que recursos vai dedicar? Que calendario de traballo ten previsto?”.

“A Xunta de Galicia está traballando, o Arcebispado está traballando e o goberno local de Santiago non está facendo absolutamente nada”, afirmou Verea, que cualificou de “auténtica irresponsabilidade” chegar a este momento sen que se coñezan actuacións, recursos ou un calendario específico do Concello para o Ano Santo.

“Quedan poucos meses. É o momento de concretar os preparativos, coordinar as actuacións e chegar ao inicio de 2027 co traballo feito”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *