AD

Actualidad

Verea esixe explicacións sobre a información de quendas con só seis policías locais en Santiago

today11 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD

O líder popular reclama saber se se incumpriron os mínimos establecidos e quen tomou a decisión.
• “A seguridade e a tranquilidade dos veciños non son de esquerdas nin de dereitas, son unha cuestión de sentido común”

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, esixiu hoxe ao goberno municipal explicacións públicas ante as informacións recibidas polo grupo popular sobre a existencia, durante os meses de xullo e agosto, de varias quendas nas que unha cidade de máis de 100.000 habitantes tería quedado con só seis policías locais.

“Seis policías para atender toda a cidade non son simplemente unha cifra. Os mínimos existen para garantir que, cando ocorre unha incidencia, haxa capacidade suficiente para responder e protexer as persoas e tamén os propios policías”, advertiu.

Verea explicou que o Partido Popular non ten acceso directo aos cadrantes da Policía Local e, polo tanto, non pode comprobar por si mesmo a información recibida. Precisamente por iso, o grupo municipal presentou formalmente unha pregunta para que o goberno a confirme ou desminta e aclare se chegaron a incumprirse os mínimos establecidos polo propio Concello.

“Pode ocorrer que a información non sexa correcta e que todas as quendas estivesen perfectamente cubertas. Pero levamos varios días pedindo unha resposta e o goberno segue sen confirmar, desmentir nin ofrecer ningunha explicación”, sinalou.

Segundo as informacións trasladadas ao Partido Popular, incluso se terían producido quendas nas que non estaba garantida a presenza preceptiva e obrigatoria dun oficial. Unha situación que Verea cualificou de “irresponsabilidade gravísima”, porque podería poñer en risco tanto a seguridade dos veciños como a dos propios axentes.

O popular asegurou que, de confirmarse, non se trataría dunha emerxencia nin dun feito imprevisible, senón dunha situación relacionada coa decisión de non habilitar ou asumir as horas extraordinarias necesarias para completar os efectivos establecidos e cunha plantilla de Policía Local “completamente insuficiente para Santiago”.

“Queremos saber por que se permitiu esta situación, quen tomou esa decisión e que medidas se van adoptar para que non se repita. Como mínimo, un goberno ten que responder ante unha cuestión tan grave como esta”, afirmou.

“A seguridade é unha cuestión de sentido común”

Verea insistiu en que a seguridade e a tranquilidade dos veciños “non son de esquerdas nin de dereitas, senón de sentido común”, e relacionou a falta de efectivos coa preocupación que lle trasladan residentes de diferentes puntos da cidade.

Neste sentido, lembrou a recente visita a un edificio de Vite, onde pasou preto de dúas horas falando cos veciños, entrando nas súas vivendas e coñecendo directamente a situación de inseguridade que denuncian arredor dun narcopiso.

“Mesmo fomos gravados de maneira intimidatoria desde a vivenda dos inquilinos conflitivos, pero o importante non é o que vivimos nós durante unhas horas, senón o que viven esas familias todos os días”, subliñou.

Para Verea, cando un veciño manifesta que non se sente tranquilo na súa propia casa, a resposta dunha administración “non pode ser negar o problema”, senón escoitar, actuar e ofrecer solucións.

O líder popular lembrou que o PP leva tempo propoñendo a incorporación de máis policías locais, a activación das cámaras de videovixilancia existentes, a instalación de novos dispositivos nos puntos sensibles e a mellora da iluminación.

“A realidade acabou coas escusas do goberno municipal. Pódense contratar máis policías locais, pero aquí quedan claras as prioridades: inflan o número de asesores mentres a cidade sofre unha plantilla policial insuficiente”, criticou.

Investigación interna

Finalmente, Verea reclamou ao goberno municipal que responda á pregunta presentada polo PP, identifique quen tomou a decisión no caso de confirmarse os feitos e aclare se abrirá unha investigación ou inspección interna para determinar o ocorrido.

“Estamos falando dunha cidade de máis de 100.000 habitantes que, segundo as informacións que recibimos, puido quedar con seis policías locais en varias xornadas de xullo e agosto. Os santiagueses teñen dereito a saber que pasou, quen foi responsable e que se vai facer para que non volva ocorrer”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *