Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 octubre, 2026
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, presentou unha proposta para actualizar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e facilitar a construción de miles de vivendas que xa estaban previstas no planeamento urbanístico da cidade, pero que case vinte anos despois continúan sen executarse.
Verea explicou que o actual Plan Xeral, aprobado en 2008, foi deseñado nun momento de boom inmobiliario, con previsións de forte crecemento da poboación e da construción. Un escenario moi diferente ao actual, no que o acceso á vivenda se converteu nun dos principais problemas dos composteláns. “O Plan Xeral decide onde se constrúe, como se constrúe e canto se constrúe. É un instrumento fundamental para afrontar o problema da vivenda”, destacou.
Segundo os datos expostos, o planeamento contemplaba capacidade para 37.188 novas vivendas, das que unhas 28.000 estaban en solo programado e, dentro destas, 14.000 en solo urbanizable delimitado. Porén, unha parte importante destas previsións non chegou a materializarse.
“Se o Plan Xeral prevía solo para miles de novas vivendas e case vinte anos despois unha parte importante delas non se construíu, temos que preguntarnos en que fallamos e, sobre todo, que temos que cambiar agora para que si se constrúan”, afirmou.
Para dar resposta a esta situación, Verea propuxo dous cambios concretos no planeamento urbanístico. O primeiro consiste en estudar a posibilidade de dividir algúns dos grandes ámbitos previstos no PXOM en sectores máis pequenos, de maneira que poidan desenvolverse progresivamente, sen ter que esperar á execución completa de grandes operacións urbanísticas.
O segundo pasa por revisar as condicións dos ámbitos que non conseguiron desenvolverse desde 2008, analizar os motivos que impediron a súa execución e introducir os cambios necesarios para adaptalos á realidade actual. “Non ten sentido manter outros vinte anos exactamente as mesmas regras do xogo esperando que desta vez o resultado sexa diferente”, advertiu.
O líder popular sinalou que entre os posibles obstáculos se atopan as excesivas cargas urbanísticas e as grandes dimensións dalgúns ámbitos, cuestións que considera necesario estudar de maneira individualizada. Neste sentido, insistiu en que a proposta non consiste en ampliar o solo urbanizable, senón en conseguir que se desenvolva o que xa estaba previsto.
“Santiago ten demanda de vivenda e ten solo suficiente para construír. A pregunta é por que non se está construíndo”, subliñou Verea, quen destacou que esta dispoñibilidade de solo supón unha vantaxe respecto doutras cidades.
O líder do PP tamén puxo en valor a promoción pública de vivenda impulsada pola Xunta de Galicia, especialmente a actuación prevista en Mallou, con preto de 4.000 vivendas, das que arredor do 80 % serán protexidas. Con todo, insistiu en que a actuación pública non é suficiente por si soa e que o Concello ten unha responsabilidade fundamental para conseguir que se desenvolva o solo destinado a vivenda.
Primeiros datos da zona tensionada
Antes de presentar a proposta, Verea fixo unha valoración dos primeiros datos completos coñecidos desde a entrada en vigor da zona tensionada en Santiago. Segundo explicou, durante o mes de agosto o número de contratos de alugueiro caeu un 55 % de xullo a agosto, mentres que o prezo medio aumentou de 696 a 716 euros mensuais.
“Levamos meses advertindo de que esta medida non ía resolver o problema da vivenda en Santiago. É o primeiro mes e temos que ver como evoluciona, pero estes primeiros datos son preocupantes e non apuntan na dirección que se pretendía”, sinalou.
Fronte a estes primeiros resultados, Verea reiterou que o Partido Popular seguirá defendendo un camiño diferente para afrontar o problema da vivenda: “Máis vivenda, máis oferta e máis seguridade para os pequenos propietarios”. Un modelo que aposta por facilitar a incorporación de inmobles ao mercado do alugueiro co Banco Público de Vivendas de Alugueiro e impulsar a construción de novas vivendas para dar resposta á demanda existente na cidade.
Preparados para gobernar
Verea enmarcou esta proposta nunha serie de iniciativas que o PP irá presentando en materia de vivenda e que se integrarán baixo o lema “Preparados para gobernar”, xunto con outras medidas xa anunciadas, como as destinadas ás familias ou o compromiso de reducir a un máximo de vinte días o pagamento aos provedores municipais.
“Non queremos que parezan ideas soltas. Queremos ir explicando pouco a pouco as medidas concretas que poñeremos en marcha se gobernamos a partir de maio”, explicou.
O líder popular concluíu defendendo a necesidade de actualizar o Plan Xeral para que deixe de ser un documento teórico e permita construír as vivendas que xa estaban previstas para o crecemento da cidade.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)