Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 noviembre, 2025
Vila de Cruces, 19 de novembro de 2025 (Vía Láctea Comunicación).- O Concello de Vila de Cruces informa de que o cambio de captación ao manancial do Carrio xa está plenamente operativo. Ata agora, a captación realizábase desde o río Arnego debido ás roturas na tubaxe do Carrio. Logo das diversas reparacións desta infraestrutura, desde a tarde do martes, a auga provén exclusivamente do manancial do Carrio, libre dos sedimentos que afectaban á captación anterior. Así mesmo, comunícase que nestes días se están a purgar as tubaxes da rede municipal, co obxectivo de eliminar calquera resto de acumulación de sedimentos.
Co fin de garantir a calidade da auga en todo momento, a empresa concesionaria Espina & Delfín realizou analíticas adicionais en diferentes puntos da rede, tanto en depósitos como en grifos. Todas estas mostras foron remitidas a un laboratorio acreditado pola ENAC, tal como esixe a normativa vixente, garantindo resultados fiables e con validez oficial. Os informes recibidos confirman que a auga cumpre todos os parámetros microbiolóxicos e químicos establecidos pola lexislación. Nas análises máis recentes, a turbidez situouse entre 0,7 e 1,5 NTU, valores claramente por baixo do límite legal de 2 NTU para as augas das redes municipais.
O Concello considera necesario aclarar que a mostra difundida polo BNG non é representativa da realidade da rede municipal, contribuíndo a xerar unha alarma social infundada entre a veciñanza. Nin sequera foi tomada por un técnico especializado nin garantindo as condicións de seguridade, o que pode contribuír á contaminación da mostra. Tampouco se indicou con claridade de que punto procede a mostra, polo que non é posible atribuír eses resultados ao abastecemento municipal. Por outra banda, a análise encargada por eles foi realizada na Finca Mouriscade, unha entidade non acreditada pola ENAC para a realización de análises de auga de consumo humano, polo que os resultados carecen de validez técnica e normativa.
A comunicación en materia sanitaria debe basearse en criterios técnicos contrastados, transparentes e responsables. Polo tanto, o Concello quere trasladar unha mensaxe de calma: a auga está baixo un control sanitario exhaustivo e a nova subministración permitirá unha mellora sostida e estable no tempo. Para calquera cuestión, os veciños e veciñas poden contactar directamente coa empresa concesionaria, dirixíndose á oficina do servizo de augas de Espina & Delfín en Vila de Cruces (Campo da Feira, 2).
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)