Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 septiembre, 2026
O certame repartirá 7500 € entre as propostas gañadoras das sete categorías a concurso: Canle, Creación de contidos, Revelación, Calidade lingüística, Rede, Pódcast e Premio do Público
Youtubeiras+ é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; das universidades da Coruña, Santiago e Vigo; e da Deputación da Coruña
As bases pódense consultar xa na web www.youtubeiras.gal. O prazo de inscrición está aberto ata as 23.59 horas do 15 de novembro
Ames, 17 de setembro de 2026.- Youtubeiras+, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, lanza un novo premio honorífico para distinguir a traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital na nosa lingua. Esta é a gran novidade que trae a décima edición dos Premios Youtubeiras, cuxas bases xa se poden consultar en www.youtubeiras.gal. O prazo de inscrición manterase aberto ata as 23.59 horas do día 15 de novembro. O certame, que repartirá 7500 euros entre as persoas premiadas, divídese en sete categorías: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Os dous primeiros apartados contarán cunha dotación económica de 1250 euros e as cinco restantes, de 1000 euros.
Estas son as liñas mestras que definen esta nova edición dos Premios Youtubeiras+, que se desenvolverán baixo o lema Dez anos en rede. Así o explicaron en rolda de prensa o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística de Ames, Blas García Piñeiro; o alcalde de Carballo, Daniel Pérez López; a concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez Rey, e a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Cabana Iglesia. Dita presentación realizouse esta mañá no recentemente estreado Centro Multifuncional do Milladoiro.
Na súa intervención, o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Ames, Blas García, puxo en valor “a estreita colaboración entre as diferentes institucións implicadas”, así como “a pluralidade de sensibilidades que conviven na organización deste certame”. “Unha pluralidade que amosa a unidade necesaria ao redor do ben común que representa a lingua”, sinalou García, antes de incidir tamén no percorrido de Youtubeiras+ ao longo de toda unha década. “Como organizadores destes premios, estamos convencidos de que este certame axudou a impulsar o idioma nas redes sociais, axudou a medrar a comunidade creadora na nosa lingua e axudou a conectar as novas xeracións co galego”, sentenciou o rexedor de Ames.
Pola súa banda, Ana Cabana Iglesia aproveitou a ocasión para subliñar “a decidida implicación das tres universidades desde a primeira edición” deste proxecto, unha colaboración que aos seus ollos amosa “o forte compromiso coa lingua, cuxo futuro está nas novas xeracións e nas novas fórmulas de comunicación que empregan cada día”. “As redes sociais son un ecosistema fundamental para a proxección das linguas”, sinalou a vicerreitora, quen tamén reflexionou sobre a evolución de Youtubeiras+. “A décima edición pouco ten que ver coa primeira. Porque estes son uns premios moi vivos que se adaptan, ano a ano, á realidade cambiante do eido dixital. En dez anos cambiamos de categorías, cambiamos de Redes e plataformas desde as que se podía participar e ata cambiamos de nome un par de veces”, sinalou Cabana antes de pór o foco na propia concorrencia do certame. “Despois de dez anos, mesmo podemos dicir que xa se produciu entre as participantes e os participantes un cambio xeracional: a creación de hai unha década non é tampouco a mesma que a de hoxe”, concluíu a representante da USC.
Datos da última edición
O rexedor de Carballo, Daniel Pérez López encargouse de facilitarlle á prensa as cifras da anterior edición, así como o volume de participación das primeiras convocatorias. Con estes números, Daniel Pérez ilustrou a evolución duns galardóns aos que concorreron un total de 126 canles en 2025, fronte ás 89 de 2024 ou 68 de 2023. No referente ao Premio do Público, engadiu que en 2025 se presentaron 49 vídeos nesta categoría, fronte aos 41 do curso anterior ou os 24 de 2024. “Aspiramos a manter nesta edición o crecemento sostido e constante que se rexistrou nestes anos”, sinalou o alcalde de Carballo.
Por último, Daniel Pérez compartiu os datos da primeira edición de Youtubeiras+, que tivo lugar entre 2016 e 2017. Por aquela altura, o certame fixábase máis nos vídeos, xa que a participación non se aglutinaba como agora ao redor das canles. Con esa forma inicial de contabilizar a participación, en 2017 contabilizáronse 202 vídeos, mentres que en 2020, no ano dos confinamentos por mor da pandemia da covid, chegouse ao pico de 536 vídeos.
A formación e o xurado
A concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez Rey encargouse de desvelar os nomes que conforman o xurado que escollerá as canles e persoas gañadoras deste ano: o músico e produtor Nuno Pico, a comunicadora audiovisual Eira Losada, a creadora de contido e publicista Nuria Grandío, a escritora Emma Pedreira e a guionista e directora Bea Saiáns.
Vázquez Rey lembrou durante a súa intervención que a formación é un piar fundamental de Youtubeiras+. “Este é un proxecto pensado por e para o futuro. Para avanzar, para progresar e para mellorar consideramos esencial afondar na formación desde diferentes perspectivas: a calidade técnica, o uso da lingua, a creatividade, a planificación estratéxica… E non hai mellor forma de abordar estes temas que a través da transmisión de coñecemento de persoas creadoras que gañaron en edicións anteriores os premios Youtubeiras”, apuntou a concelleira de Teo. Nesta nova edición ofertaranse tres obradoiros: María Rúa ofrecerá a sesión titulada Como ser unha ‘turras’ sen parecelo o 7 de outubro, Nuria Grandío impartirá o taller Crear contidos con estratexia: das ideas ás redes sociais o 14 de outubro e Nee Barros encargarase do obradoiro Conecta en galego: diversidade, talento e redes sociais o 21 de outubro. Celebraranse todos eles en liña e serán de balde, previa inscrición.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)