AD

Comarca

224 cacharelas arderán no concello de Ames durante a noite de San Xoán

today23 junio, 2026

Fondo
share close
AD

O concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, destaca que “o San Xoán é unha festa con grande arraigo no concello de Ames, así o indica o número de solicitudes feitas ano tras ano. Trátase dunha noite que sempre se festexa, e proba diso é o número de solicitudes de cacharelas, que normalmente sempre supera as 200”

Ademais, o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral apela á responsabilidade da veciñanza “para cumprir as normas que se recollen no bando municipal aprobado ao respecto e tratar de desfrutar do San Xoán, pero sempre con prudencia e seguridade”

Ames, 23 de xuño de 2026.- Achégase a noite máis longa do ano, o 23 de xuño, a véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que soe acompañar. Este ano concedéronse un total de 224 permisos para realizar cacharelas na noite do 23 de xuño. A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano. Ademais, as persoas responsables de cada lumieira deberán vixiar o lume ata a total extinción do mesmo e ter a man os teléfonos da Policía Local, Protección Civil e Emerxencias. Preme nesta ligazón para descargar o bando coas normas para realizar cacharelas no San Xoán.

As asociacións de veciños, comunidades de veciños/as e veciñanza en xeral xa teñen preparadas as festas que van realizar con motivo do San Xoán. Este ano houbo un gran número de peticións para realizar cacharelas, tanto nas zonas rurais do municipio coma na zona urbana. Deste xeito, o concello de Ames autorizou 224 solicitudes de cacharela/sardiñada: 15 en Agrón, 12 na Ameixenda, 41 en Ames, 38 en Biduído, 40 en Bugallido, 22 en Covas, 2 en Lens, 39 en Ortoño, 6 en Piñeiro, 2 en Tapia, e 7 en Trasmonte.

O concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, destaca que “o San Xoán é unha festa con grande arraigo no concello de Ames, así o indica o número de solicitudes feitas ano tras ano. Trátase dunha noite que sempre se festexa, e proba diso é o número de solicitudes de cacharelas, que normalmente sempre supera as 200”.

Unha vez obtido o permiso, os responsables da fogueira están na obriga de seguir as normas que publica o Concello. Unha delas refírese á cantidade de combustible da cacharela, que na zona urbana non pode exceder os 2 metros de diámetro, 6 metros de perímetro e 2 de altura. Na zona rural o volume de combustible non pode exceder de 3 metros de diámetro, 9 de perímetros e 3 de altura.

Normas para a realización de cacharelas

A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano. Poñerase especial coidado de non situalas debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables, nin vehículos, nin preto de masas arbóreas ou zonas vexetais susceptibles de ser queimadas.

Por outra banda, o Concello prohibe queimar pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, e en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (spray), aínda que estean baleiros.

No suposto de que a cacharela/sardiñada se faga sobre terreos de uso públicos enlousados, os organizadores encargaranse, pola súa conta, de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.

Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematar a cacharela e/ou sardiñada. A hora límite para rematar a celebración é as 03:30 horas da madrugada, de acordo co disposto no artigo 5.f da Lei 10/2017 de 27 de decembro de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

O concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral apela á responsabilidade da veciñanza “para cumprir as normas que se recollen no bando municipal aprobado ao respecto e tratar de desfrutar do San Xoán, pero sempre con prudencia e seguridade”.

Teléfonos de urxencia

Cómpre salientar asemade que os organizadores e organizadoras das cacharelas deben coidar os arredores e ter a man os seguintes números de teléfonos: Policía Local 619 767 575, Protección Civil de Ames 673 178 888 e Emerxencias 112.

A fogueira permanecerá vixiada polas persoas responsables ata a súa total extinción, que deberá ser asegurada empapando os restos con auga, e asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante o vento, e poida dificultarse a vixilancia e extinción da fogueira, esta deberá suspenderse.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *