Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 noviembre, 2023
16 de novembro de 2023.- Á terceira foi a vencida e, tras dúas convocatorias adiadas polo mal tempo, o sol fixo acto de presenza esta mañá e permitiu a celebración do XVII Día do Peón, que organiza a asociación Brinquedia e que esta ano contou coa colaboración do Concello de Lousame e do CPI Cernadas de Castro. Así, ao grito de “polo San Martiño, peóns ao camiño” un total de 252 nenos e nenas, de entre os 3 e os 16 anos de idade, fixeron xirar os seus peóns e bailaretes, ou cando menos así o tentaron.
E é que a pesares das explicacións de Xosé Manuel Barreiro, presidente de Brinquedia, e das instrucións do profesorado e dos técnicos municipais lousamiás, a rapazada tardou un bo rato en comezar a pillarlle o truco a iso dos lanzamentos, polo que xa non chegaron a participar nos xogos tradicionais que estaban preparados para a ocasión no campo da festa de San Roquiño.
Os 252 nenos e nenas dividíronse en varios grupos. Uns aproveitaron para dar conta das castañas preparadas nun magosto promovido polo CPI Cernadas de Castro. Os máis pequenos aproveitaron para facer bailar os seus bailaretes e mesmos decoralos con pintura nuns obradoiros emprazados nunhas mesas no propio campo da festa. E o resto repartiuse polo San Roquiño para probar a súa destreza cos trompos.
Trompas de Muros
A maiores desfrutaron cunha exhibición de lanzamento da trompa, moi practicado en Muros ata o ano 1927 e do que se di que entrou na vila aló polo 1700). A trompa é un modelo rudimentario de trompo, de maiores dimensións, que se fai xirar a base de atizarlle cunha zorrega ou látego. O xogo era facela bailar e desprazala ata unha marca establecida sen que deixe de xirar.
O grupo O Son do Pote foi o encargado de poñer a música á xornada, á que non puido asistir a concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo, quen deixou escrito o seu manifesto do Día do Peón no que salientaba que “o Concello de Lousame súmase a esta celebración porque promove unha necesidade vital do ser humano: xogar, actividade indispensable para o desenvolvemento dos nenos e das nenas, unha ferramenta para expresarse, divertirse, favorecer a psicomotricidade e tamén para traballar o maxín dos máis pequenos”.
Pola súa banda, Xosé Manuel Barreiro, presidente de Brinquedia, animou á rapazada a seguir practicando os lanzamentos pois “o peón é un xogo de temporada que nace co San Martiño e remata no San Amaro cando, como di o refraneiro, vai para o faiado”. Brinquedia naceu o 27 de marzo de 2005 logo da Asemblea Fundacional realizada na Casa da Cultura de Riotorto (Lugo) para promover o xogo tradicional galego. Está formada por persoas físicas e xurídicas con interese no patrimonio lúdico. O Día do Peón chegou este ano a Lousame despois de pasar en edicións anteriores por municipios como Brión, Santiago, Ferrol, Melide, Carnota, Outes, Noia, Ourense, Manzaneda ou Pontevedra.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)