AD

Actualidad

O Olímpico de Vedra, subcampión galego de dúatlon: dúas décadas de deporte base, equipo e pertenza

today6 mayo, 2026

Fondo
AD
  • O club vedrés acadou en Muros o subcampionato galego de dúatlon nas categorías cadete, xuvenil e júnior por segundo ano consecutivo e chegou a competir en ligas nacionais, situándose entre os 30 mellores equipos de España. Falamos con Ismael García, presidente da entidade, no noso espazo de deporte local patrocinado por Sicilia in Bocca

O Club Olímpico de Vedra leva máis de dúas décadas convertendo o deporte base nunha das súas principais sinais de identidade. Fundado en xuño de 2005 co obxectivo de fomentar o deporte en igualdade no rural, o club foi medrando progresivamente tanto en número de deportistas como en resultados, chegando incluso a competir en ligas nacionais de tríatlon e dúatlon.

Na actualidade, a entidade conta con arredor dun cento de licenzas e continúa consolidando un proxecto no que o colectivo segue ocupando un papel central.

Un dos exemplos máis recentes chegou en Muros, onde o Olímpico de Vedra acadou o subcampionato galego de dúatlon nas categorías cadete, xuvenil e júnior por segundo ano consecutivo. Un resultado que tivo aínda máis valor polas circunstancias coas que afrontaba a competición o equipo vedrés.

“Logramos facer encaixe de bolillos e, ainda así, conseguir o segundo posto”, resume García, facendo referencia ás baixas e ás coincidencias con outras probas e actividades dalgúns deportistas.

Ao longo destes vinte anos, o club conseguiu situarse entre os mellores equipos do país. Entre 2015 e 2022 mantívose de forma continuada entre os 30 mellores clubs de España, acadando a súa mellor posición no ano 2018, cando chegou ao posto 14 do ranking estatal.

Unha evolución que o presidente da entidade define como “natural”, ligada ao traballo diario e á progresión dos propios deportistas, sempre “mantendo os pés na terra”.

Formación, valores e sentimento de equipo

O Olímpico de Vedra traballa disciplinas como o tríatlon, o dúatlon e o atletismo, combinando distintas modalidades ao longo do ano. No caso dos máis novos —dende categorías benxamín— o enfoque pasa por formar deportistas sen presións competitivas e sen anticipar etapas. A idea é acompañar o crecemento deportivo e persoal dos rapaces e rapazas a longo prazo. “Intentamos que cada rapaz que entra no club poida chegar ás categorías absolutas”, explica García.

Ese modelo vai acompañado dun forte sentimento de equipo que marca a identidade da entidade. Máis alá dos adestramentos e das competicións, o club constrúe comunidade entre deportistas, familias e persoas vencelladas ao proxecto. “Somos practicamente unha familia”, sinala o presidente, destacando unha filosofía na que o colectivo ocupa un lugar prioritario. Unha idea que tamén se traslada á competición, onde, como subliña García, “o éxito colectivo está por enriba de calquera éxito individual”.

Adestramentos, competición e futuro

Os adestramentos desenvólvense principalmente en Vedra, nunha pista de rodadura onde combinan carreira e ciclismo, apoiándose tamén nas instalacións do pavillón municipal, mentres que a preparación en natación realízase na piscina de Teo.

No plano competitivo, o club mantén como referencia o ámbito autonómico, coa intención de seguir consolidándose entre os equipos destacados de Galicia e continuar mellorando progresivamente.

A medio prazo, o Olímpico de Vedra non renuncia a volver competir nas ligas nacionais, un paso que a entidade quere dar no momento adecuado e coa evolución do grupo actual.

Ademais da competición, o club destaca tamén pola súa faceta organizativa. O Dúatlon Concello de Vedra, que supera xa a década de traxectoria, consolidouse como unha das citas de referencia en Galicia, especialmente na modalidade contrarreloxo por equipos.

Un club con identidade propia

Dúas décadas despois da súa creación, o Olímpico de Vedra segue demostrando que o éxito vai moito máis alá das medallas. Nun concello pequeno, o club conseguiu construír unha identidade propia baseada no traballo diario, na continuidade e nun forte sentimento de equipo.

Un proxecto deportivo e humano que continúa avanzando sen perder a súa esencia e que o seu presidente resume cunha frase clara: “somos un club humilde que non renuncia a nada”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *