AD

Actualidad

9louro, Lumedoloop e Saya protagonizan o IV ComposFest nas Festas da Ascensión

today8 mayo, 2026

Fondo
AD
  • Regresa o Composfest, unha das propostas musicais máis destacadas da programación das Festas da Ascensión.

O vindeiro 15 de maio, a Praza da Quintana converterase de novo no punto de encontro da música en directo en galego e da cultura urbana da cidade. 9louro, Lumedoloop e Saya protagonizan esta cuarta edición, que aposta por unha proposta sonora actual e de acceso gratuíto, cun cartel que reflicte o momento que está a vivir a escena galega.

9louro chega ao Composfest como unha das voces emerxentes da nova música urbana galega, formando parte dunha xeración que está a impulsar o uso da lingua. Co seu último álbum, Amorrer, presenta un universo propio no que mestura electrónica, ritmos urbanos e unha narrativa emocional ligada á realidade da súa xeración.

Tamén estará Saya, artista compostelá con raíces palestinas e proxección internacional, que achegará ao festival unha sesión marcada pola diversidade sonora e pola cultura de club. Como DJ, combina estilos como batida, arab club ou bass, construíndo unha proposta dinámica e aberta a diferentes formas de entender a música electrónica.

Completa o cartel Lumedoloop, o trío de hip hop compostelán formado por Jamas, Møu e DJ Mil. Cunha traxectoria de máis de dúas décadas, son referentes da escena galega e chegarán ao festival co seu primeiro LP, (Re)existencia, no que combinan poesía, denuncia social e cultura hip hop cunha identidade marcada e sen concesións.

Un ano máis, o Concello e a SD Compostela apostan por levar a música ao corazón da cidade, convertendo a Quintana nun espazo para vivir as festas doutro xeito. A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, destacou a relevancia da escena galega actual en todo o panorama musical e subliñou que, como xa avanzara, o ComposFest trae á Quintana actuacións de artistas do talle de 9Louro, que estará nos principais festivais galegos e que xa encheu salas como a Capitol. O director xeral da SD Compostela, Miguel Fernández, defendeu que “queremos seguir sendo algo máis ca un club de fútbol: un motor cultural activo en Santiago, achegando propostas actuais a un escenario tan emblemático como é a praza”.

Tanto Pilar Lueiro como Miguel Fernández convidaron a toda a veciñanza e a todo o mundo a achegarse a gozar desta gran festa do venres 15, que consolida o ComposFest coma unha das citas imprescindibles das Festas da Ascensión.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *