Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 mayo, 2026
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2026. O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, reclamou á Xunta de Galicia a sinatura urxente dun convenio co Concello de Santiago que permita ás entidades deportivas da cidade utilizar as pistas e instalacións deportivas dos institutos de educación secundaria.
Bouza explicou que as e os socialistas “mantivemos unha xuntanza co Club de Atletismo Obradoiro” na que abordaron “a situación que ten o deporte na nosa cidade”, dentro da rolda de encontros que o PSdeG está a desenvolver con entidades deportivas compostelás. O dirixente socialista advertiu de que as queixas que están trasladando os clubs “repítense reunión tras reunión” e teñen que ver coa falta de resposta institucional, coa ausencia de planificación e coas dificultades que atopan para desenvolver a súa actividade diaria en condicións axeitadas.
Neste contexto, Bouza reclamou ao goberno municipal que “escoite as entidades deportivas, que lles dea resposta e que atenda as súas solicitudes en prazo e forma”, pero puxo tamén o foco na responsabilidade da Xunta de Galicia, á que acusou de permanecer ausente ante unha demanda “perfectamente viable” e que non require grandes investimentos.
Ao mesmo tempo, Bouza indicou que desde o grupo socialista “imos esixirlle ao señor presidente da Xunta que se implique tamén co deporte”, advertindo de que Compostela non pode quedar fóra das prioridades da administración autonómica.
O dirixente socialista incidiu en que a proposta trata aproveitar instalacións que xa existen e que poden dar resposta ás necesidades actuais dos clubs da cidade. “Xa non falamos nin de financiamento”, explicou Bouza, senón “dun simple convenio” e dunha “posta a disposición desas infraestruturas”. Segundo indicou, permitir o uso das instalacións deportivas dos institutos facilitaría “moitísimo o traballo diario” das entidades e deportistas compostelás.
Bouza finalizou criticando a falta de colaboración entre administracións e advertiu de que o goberno da señora Goretti Sanmartín, “en vez de estar confrontando permanentemente coa Xunta de Galicia”, o que ten que facer é “poñerse a traballar” para conseguir que o convenio sexa unha realidade “canto antes”.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)