AD

Actualidad

Goberno e oposición confrontan visións sobre estes tres anos de mandato en Santiago

today20 mayo, 2026

Fondo
share close
AD

O espazo “Hai Debate” de Radio Líder Santiago reuniu este luns representantes das catro forzas políticas con representación no Concello de Santiago para analizar a situación actual da cidade e facer balance destes tres anos de mandato municipal a pouco máis dun ano das eleccións municipais previstas para maio de 2027.

No debate participaron Manuel César, do Bloque Nacionalista Galego; José Antonio Constenla, do Partido Popular de Santiago; Marta Abal, do PSdeG-PSOE; e Xan Duro, de Compostela Aberta.

A tertulia arrancou facendo referencia á denuncia pública dunha presunta agresión homófoba sufrida por un mozo en Santiago o pasado 12 de maio.

Os participantes coincidiron na condena deste tipo de situacións e na necesidade de combater os discursos de odio e reforzar a educación en valores de respecto e convivencia. Durante o debate abordouse tamén a preocupación polo aumento de comportamentos violentos e intolerantes entre a mocidade e a importancia de denunciar este tipo de feitos.

Con todo, o principal bloque da tertulia centrouse no balance do mandato encabezado polo goberno municipal de Goretti Sanmartín e na situación actual da cidade a pouco máis dun ano das próximas municipais.

O goberno reivindica “o mandato da xestión”

Desde o BNG, Manuel César asegurou que “sen ningunha dúbida, Santiago está moitísimo mellor nestes momentos que hai tres anos” e definiu esta etapa como “o mandato da xestión”. Entre os avances destacados citou o desbloqueo de proxectos urbanísticos como Peleteiro, a posta en marcha do novo contrato do transporte público, os investimentos no rural e o reforzo das políticas sociais.

O representante nacionalista puxo tamén en valor o incremento da vivenda protexida, os avances na xestión do ciclo da auga e a execución de obras públicas durante o mandato, ademais do investimento realizado en conciliación, bolsas comedor e servizos sociais.

Na mesma liña, Xan Duro, de Compostela Aberta, reivindicou a aposta social do goberno municipal e destacou o incremento do gasto social por habitante, o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, as bolsas comedor ou os avances no novo contrato do transporte urbano.

Duro tamén puxo en valor cuestións como as novas licenzas de taxi adaptado e acusou ao Partido Popular de manter unha actitude “catastrofista” e “destrutiva” fronte ao traballo do goberno municipal.

PP e PSOE critican a situación da cidade

Fronte á visión do goberno, tanto Partido Popular como PSdeG-PSOE realizaron unha valoración moi crítica destes tres anos de mandato.

José Antonio Constenla, do Partido Popular, asegurou que Santiago vive unha situación de “desastre” en cuestións como a limpeza, o mantemento urbano, a tramitación de licenzas ou a xestión económica municipal. Criticou tamén a devolución de fondos europeos, a situación do ciclo da auga ou a falta dun modelo claro para espazos como a Praza de Abastos, os aparcadoiros ou a política de vivenda.

O representante popular afirmou ademais que a cidade perdeu dinamismo nos últimos anos e asegurou que o PP conta cun “modelo de cidade distinto” encabezado por Borja Verea como candidato á alcaldía.

Pola súa banda, Marta Abal, do PSdeG-PSOE, falou dun Concello “paralizado pola xestión” e denunciou o deterioro dos servizos públicos básicos. Entre outras cuestións, criticou a situación da limpeza, o mantemento urbano, os conflitos coa Policía Local e os bombeiros ou a lentitude administrativa na tramitación de licenzas.

A socialista puxo tamén o foco na crise da vivenda, na execución dos fondos europeos e na falta de diálogo do goberno municipal tanto cos traballadores do Concello como cos distintos sectores da cidade.

Cruce de acusacións entre goberno e oposición

O debate deixou tamén momentos de tensión entre os representantes políticos, especialmente entre goberno e Partido Popular, con reproches cruzados sobre a xestión municipal, o bloqueo de contratos e ordenanzas ou a situación económica do Concello.

Tanto Manuel César como Xan Duro acusaron ao Partido Popular de manter unha oposición “destrutiva” e centrada no bloqueo da acción do goberno municipal. Pola súa banda, José Antonio Constenla insistiu en que Santiago perdeu dinamismo e presenta problemas graves en ámbitos como a limpeza, o mantemento urbano ou a xestión municipal.

Desde o PSdeG-PSOE, Marta Abal puxo o foco na “parálise” do Concello, no deterioro dos servizos públicos e na falta de diálogo do goberno municipal con traballadores e sectores da cidade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *