AD

Actualidad

Acougo busca familias para un proxecto pioneiro de acollemento familiar en Galicia

today20 mayo, 2026

Fondo
share close
AD
  • A Asociación Galega de Familias de Acollida impulsa un proxecto pioneiro para menores de entre 0 e 6 anos tutelados co obxectivo de ofrecerlles estabilidade familiar e evitar a súa institucionalización. Falamos coa directora da entidade, Carmen Dourado

A Asociación Galega de Familias de Acollida, Acougo, impulsará en Galicia un proxecto pioneiro de acollemento familiar centrado en menores de seis anos tutelados. A iniciativa desenvolverase en colaboración co Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, a Xunta de Galicia e co apoio do Fondo Social Europeo Plus.

A directora de Acougo, Carmen Dourado, explicou en Radio Líder Santiago que o obxectivo principal deste novo modelo é “darlle unha volta ao sistema de protección á infancia” e priorizar a estabilidade emocional dos nenos e nenas desde os primeiros anos de vida. “O que pretendemos con este proxecto é a desinstitucionalización de nenos e nenas menores de seis anos”, destacou, lembrando ademais que “está prohibido por lei” que menores desa idade permanezan en centros de protección.

Actualmente, en Galicia hai máis de cen nenos e nenas menores de seis anos nestes recursos. O programa permitirá traballar inicialmente con 12 menores das provincias da Coruña e Pontevedra. O modelo baséase nunha “planificación simultánea”, na que se traballa ao mesmo tempo coa familia de orixe e coa familia acolledora para favorecer, se é posible, o retorno do menor ao seu entorno familiar.

No caso de que ese retorno non sexa viable, o neno ou nena permanecería coa mesma familia acolledora, evitando así cambios continuos de fogar e novas rupturas emocionais. “É vital ofrecer estabilidade nos primeiros anos de vida. A personalidade e a estabilidade socioemocional constrúense nesas primeiras etapas”, sinalou Carmen Dourado durante a entrevista.

A directora de Acougo explicou tamén que este proxecto se desenvolverá unicamente en catro comunidades autónomas de toda España, entre elas Galicia, e que toma como referencia experiencias doutros países como Reino Unido ou Canadá, onde este sistema xa funciona como metodoloxía habitual dentro dos servizos públicos de protección á infancia.

O proxecto conta ademais cun importante compoñente investigador no que participan diferentes universidades, entre elas a Universidade de Santiago de Compostela, así como especialistas e entidades referentes no ámbito da protección á infancia.

Charlas informativas sobre o proxecto

Acougo continúa na procura de familias das provincias da Coruña e Pontevedra interesadas en participar neste proxecto pioneiro. Dourado recoñeceu durante a entrevista que “hai moito descoñecemento” arredor do acollemento familiar e lamentou que “o pouco coñecemento que hai non adoita ser acertado”, facendo referencia aos falsos mitos e ideas equivocadas que aínda existen sobre este sistema de protección á infancia.

Para dar a coñecer esta iniciativa, a entidade organizará dúas charlas informativas abertas á cidadanía nas que explicará todos os detalles do proxecto. A primeira terá lugar o mércores 28 de maio ás 19:00 horas no Centro Sociocultural do Ensanche, en Santiago de Compostela. A segunda celebrarase o xoves 29 de maio ás 17:00 horas no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, no Concello de Oroso. Ambas citas contarán con servizo de conciliación familiar para facilitar a asistencia das persoas interesadas.

Encontro solidario: “Un parrulo, moitas historias”

Dentro das actividades organizadas arredor do Día Mundial do Acollemento Familiar, que se celebra o 31 de maio, Acougo desenvolverá tamén o encontro solidario “Un parrulo, moitas historias”. A cita terá lugar o martes 27 de maio, entre as 18:00 e as 20:00 horas, no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago. O evento está pensado como unha tarde para xogar, crear e compartir en familia, con actividades como merenda, contacontos, obradoiros creativos para personalizar parrulos e espazos de encontro para familias.

Durante a entrevista, Carmen Dourado explicou que os parrulos simbolizan “eses pequenos momentos de xogo, baño e familia que moitos nenos e nenas desfrutan no seu fogar, pero que outros menores aínda non poden vivir”.

Toda a recadación do encontro destinarase aos programas de apoio á infancia, adolescencia e acollemento familiar que desenvolve Acougo en Galicia. As entradas teñen un prezo de 10 euros para persoas adultas e 5 euros para nenos e nenas. Tamén existe unha “fila 0” solidaria para colaborar coa iniciativa. As persoas interesadas poden adquirir as entradas aquí.

Unha semana de actividades arredor do acollemento

A programación culminará o 31 de maio coincidindo co Día Mundial das Familias de Acollida. Con motivo desta data, Acougo organizará unha fin de semana de convivencia e respiro familiar na que participarán arredor de 60 persoas vinculadas á asociación. “Será unha fin de semana moi esperada por moitas familias acolledoras”, explicou Carmen Dourado, que destacou tamén a importancia de crear espazos de encontro, apoio e acompañamento para as familias que forman parte do acollemento familiar en Galicia.

https://go.ivoox.com/rf/174083144

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *