Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 agosto, 2026
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, presentou este mércores dous informes da Intervención e da Secretaría municipal que “cambian completamente a situación do novo contrato de autobuses”, ao establecer que as novas tarifas deberán ser aprobadas polo Pleno antes da súa posta en marcha.
“Antes de que poida comezar a funcionar o novo contrato teñen que estar aprobadas as novas tarifas, os novos prezos, e esas tarifas teñen que pasar polo Pleno”, explicou o líder popular.
Verea destacou a importancia destes dous documentos, elaborados polos máis altos funcionarios municipais, porque vinculan directamente a entrada en funcionamento do contrato coa aprobación previa das tarifas que sustentan o seu modelo económico.
Neste contexto, o líder do PP advertiu de que a súa formación non apoiará unhas novas tarifas que supoñan a eliminación da gratuidade do autobús para os xubilados.
“A gratuidade do autobús para os maiores é unha liña vermella para nós. Os nosos concelleiros e os nosos votos nunca van apoiar unhas tarifas que eliminen este dereito”, asegurou.
O líder popular incidiu en que, tal e como recollen os informes da Intervención e da Secretaría, a posta en marcha do novo contrato depende da aprobación das tarifas no Pleno. Por este motivo, advertiu o goberno municipal de que “non conte cos votos do Partido Popular se mantén a retirada da gratuidade”.
Verea lembrou que o executivo local conta con oito concelleiros fronte aos 11 do Partido Popular e insistiu en que non pode pretender que os maiores santiagueses perdan un dereito que xa tiñan sen contar coa vontade maioritaria do Pleno.
“Nós somos 11 concelleiros, 11 votos, e o goberno actual ten oito. Non poden pretender que os maiores e os xubilados santiagueses perdan un dereito que xa tiñan”, remarcou.
O líder popular insistiu en que o Partido Popular quere que Santiago conte con “novos autobuses e cun transporte máis moderno”, pero advertiu de que esa mellora non pode producirse “á custa dos xubilados”.
“Traballaron durante toda unha vida, contribuíron a construír a nosa cidade e merecen un Concello que estea ao seu lado”, afirmou.
Verea tamén incidiu en que as novas tarifas sustentan o modelo económico do contrato e advertiu de que poñelo en funcionamento sen a súa aprobación previa podería supoñer un incumprimento da normativa e un risco económico para o Concello. “Estaría en vigor un contrato que non tería garantidos os seus ingresos. Entendo que o goberno municipal non chegará a cometer esa auténtica irresponsabilidade”, manifestou.
Finalmente, Verea dirixiuse aos maiores e aos xubilados de Santiago para garantirlles o compromiso do Partido Popular coa defensa da gratuidade do transporte urbano.
“Mentres os nosos votos sexan necesarios, imos defender a súa gratuidade ata o final. E, se non podemos conseguilo agora, farémolo en 2027”, concluíu.
“Un bochorno para Santiago”
Borja Verea tamén se referiu á polémica xerada arredor de Fly2Galicia, que cualificou como “un bochorno para Santiago” e como unha mostra dunha forma de gobernar que o Partido Popular non comparte.
Na súa opinión, o goberno municipal chegou a esta situación pola súa “política errática” e pola “falta dun modelo claro para a cidade”.
“Pasaron dun discurso de ‘turistas non’ e de desconfianza cara ao turismo a celebrar cada nova conexión aérea no balcón de Raxoi coma se fose un gol da selección española”, criticou.
Verea considerou que “a présa pola fotografía e polo anuncio” provocou que o executivo local acabase implicando o nome de Santiago nunha polémica que se podería evitar “con algo tan sinxelo, básico e elemental como comprobar con quen se está a falar”.
“O Partido Popular quere máis voos, máis investimentos e máis oportunidades para Santiago, e queremos que calquera iniciativa seria que chegue á cidade funcione. Pero un goberno serio primeiro comproba e despois apoia; primeiro comproba e despois pon o nome de Santiago”, afirmou.
O líder popular centrou as súas críticas na falta de comprobación previa sobre a empresa, da que destacou que conta cun euro de capital social e que non acredita experiencia na xestión de servizos desta complexidade.
“Non hai solvencia económica nin técnica. Como mínimo, terían que saltar todas as alertas antes de poñer o nome de Santiago con esa alegría e esa falta de responsabilidade”, advertiu.
“Ese é o problema neste caso: o goberno municipal sentouse cunha empresa sen solvencia económica nin técnica e non fixo as comprobacións necesarias”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
autobuses mobilidade partido popular (PP) Santiago de Compostela


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)