Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 mayo, 2026
O secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García, destacou o impacto do programa “Fala que Fala” como unha ferramenta para fomentar o uso do galego entre a mocidade máis alá do ámbito académico e asegurou que participar nesta iniciativa “é unha experiencia que non se esquece na vida”. Así o afirmou durante unha entrevista en Radio Líder Santiago na que repasou o percorrido desta segunda tempada, que levou o programa a oito centros educativos galegos e que rematará o vindeiro 27 de maio cunha gala de clausura na Cidade da Cultura.
Durante a conversa, Valentín García puxo en valor a importancia de crear “espazos de socialización” en galego entre a mocidade e incidiu na necesidade de reforzar o uso da lingua tamén fóra das aulas, especialmente no ocio, nas actividades extraescolares, nas radios escolares e nas novas tecnoloxías. “Seguiremos a máis centros porque esta actividade forma parte da programación que facemos por centros para falar galego máis alá das aulas”, explicou.
O secretario xeral da Lingua subliñou ademais o valor que ten para o alumnado participar nun programa profesional de radio e compartir as súas experiencias a través dunha emisora. “Cando chegan os estudos de Radio Líder ao centro, o alumnado vive unha experiencia moi enriquecedora”, asegurou.
Valentín García sinalou que un dos grandes retos actuais das políticas lingüísticas pasa por conseguir que os mozos e mozas empreguen o galego tamén nos seus ámbitos de relación social. “Temos un bo nivel de adquisición de competencias nas materias de lingua galega, pero faltan entornos de uso unha vez que saen da aula”, afirmou.
Neste sentido, insistiu en que o galego debe estar presente tamén no deporte, nos talleres, nas actividades de ocio e no entorno dixital. “Temos que levar o galego tamén ao deporte, ás manualidades, aos talleres, ao ocio e ao tempo libre, ás tecnoloxías”, destacou.
O galego nas redes sociais e na intelixencia artificial
Outro dos asuntos centrais da entrevista foi a presenza do galego nas redes sociais e nas novas ferramentas tecnolóxicas. Valentín García animou á mocidade a crear contidos en galego e advertiu da importancia que terá a lingua no desenvolvemento da intelixencia artificial. “As máquinas tamén saben en que lingua falamos”, afirmou, ao tempo que animou á cidadanía a realizar buscas en galego e utilizar a lingua propia tamén no ámbito dixital.
Segundo explicou, o feito de xerar contidos e interaccións en galego permitirá reforzar a presenza da lingua nos sistemas tecnolóxicos do futuro. “Canto máis contidos subamos en lingua galega, máis serán conscientes as máquinas de que a lingua galega é unha lingua con forza”, sinalou.
Día das Letras Galegas e novo Plan de Normalización
Durante a entrevista tamén houbo espazo para analizar a celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Begoña Caamaño. Valentín García definiu esta edición como “moi intensa e moi bonita”, destacando especialmente o perfil da autora homenaxeada como xornalista, escritora e activista feminista.
O secretario xeral da Lingua referiuse tamén á Carreira Camiño das Letras, celebrada en Santiago coincidindo co 17 de maio, unha iniciativa que combina deporte, cultura, lingua e patrimonio. “A Carreira das Letras é unha carreira moi atractiva porque vai desde o Pico Sacro á Cidade da Cultura”, explicou, poñendo en valor o simbolismo dun percorrido que une tradición e modernidade.
Ademais, avanzou que a Xunta presentará proximamente a actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, un documento que definiu como “moi ambicioso” e que marcará a folla de ruta das políticas lingüísticas dos vindeiros anos. “É un Plan Xeral para a sociedade”, destacou, explicando que incluirá medidas vinculadas ao ámbito educativo, cultural, económico, turístico, tecnolóxico e comunicativo.
A “eclosión” da música en galego
Na recta final da entrevista, Valentín García puxo en valor o momento que atravesa actualmente a música en galego, que definiu como unha auténtica “eclosión”, e destacou a importancia de que a mocidade conte con referentes culturais na lingua propia de Galicia. “Este momento de eclosión que estamos tendo da música en galego é fundamental e hai que aproveitalo”, asegurou.
Neste contexto, valorou moi positivamente a iniciativa xurdida dentro de “Fala que Fala” para crear unha lista de Spotify coas recomendacións musicais da rapazada participante no programa. “Se somos capaces de que a xente máis nova cante en galego ou teña como referentes da súa música máis moderna e máis de vangarda a lingua galega, estaremos a ter un movemento singular en toda a historia da lingua galega”, destacou.
A gala de clausura da segunda tempada de “Fala que Fala” reunirá o vindeiro 27 de maio na Cidade da Cultura alumnado de distintos puntos de Galicia arredor da radio, da música e da promoción do uso do galego entre a mocidade.
Escrito por Líder Redacción
fala que fala radio lider secretaría xeral da lingua Valentín García



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)