Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 agosto, 2026
A terceira edición da homenaxe reuniu numerosos participantes no Campo Municipal do Souto, onde o comunicador padronés xogara como porteiro na súa mocidade.
O Campo Municipal do Souto acolleu este domingo, 23 de agosto, a terceira edición do Memorial Pepe Domingo Castaño, unha cita organizada pola Flavia S. D. Padrón para manter viva a memoria dunha das grandes figuras da radio española e dunha persoa especialmente querida e vinculada á vila de Padrón.
A elevada participación marcou esta terceira edición. O memorial abriu as súas portas a todas aquelas persoas que quixeron saltar ao terreo de xogo e a boa resposta levou a organización a optar por un formato triangular, con encontros de menor duración para facilitar que todos os inscritos puidesen participar e desfrutar da xornada.
A homenaxe tivo, ademais, un significado especial polo escenario escollido. O torneo disputouse no mesmo campo no que Pepe Domingo Castaño xogou como porteiro durante a súa mocidade, un detalle que reforzou o carácter emotivo da cita.
Precisamente baixo os paus produciuse un dos momentos máis simbólicos da tarde. José Manuel Rial, grande amigo do recordado comunicador, quixo poñerse as luvas e defender a portería durante o memorial, sumándose así dunha maneira especial á homenaxe.
A xornada contou tamén coa presenza do concelleiro de Deportes, Luis Mariño, e da concelleira de Festexos, Chus Campos Varela, que acompañaron os participantes e tomaron parte na entrega de premios coa que se pechou o torneo.
Fútbol, amizade e memoria volveron así darse a man no Souto nunha cita que chega á súa terceira edición coa vontade de seguir lembrando a figura de Pepe Domingo Castaño tanto pola súa extraordinaria traxectoria profesional como pola pegada persoal que deixou na súa vila.
Unha homenaxe que fixo seu, unha vez máis, o lema do memorial: «Unha voz que nunca se apaga».
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)