Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 mayo, 2026
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou este xoves no Pleno municipal a construción da senda ciclista e peonil entre Santiago e O Milladoiro como “un proxecto de cidade” chamado a transformar a mobilidade e a conexión metropolitana entre ambos núcleos urbanos.
Durante a súa intervención, Verea asegurou sentirse “orgulloso” de levar anos defendendo esta infraestrutura porque, segundo explicou, “nunca defendín simplemente unha obra; defendín unha idea de cidade”.
O líder popular afirmou que “as cidades non cambian só con discursos”, senón con “proxectos capaces de transformar a vida diaria da xente”, e defendeu un modelo de cidade “máis conectado, máis moderno, máis verde e máis pensado para as persoas”.
Neste sentido, sinalou que Santiago debe avanzar cara a unha mobilidade con alternativas reais ao coche, permitindo desprazamentos “andando, en bicicleta ou utilizando alternativas reais ao vehículo privado con seguridade”.
Verea insistiu en que Santiago e O Milladoiro “xa non son dous lugares separados”, senón espazos conectados pola vida diaria de miles de persoas que traballan, estudan, acoden ao hospital, fan deporte ou visitan familiares entre ambos municipios.
“Unha cidade intelixente ten a obriga de adaptarse á realidade da xente”, afirmou.
O líder popular lembrou ademais que sempre mantivo a mesma posición respecto ao proxecto: “ten que facerse ben, cumprindo a normativa, respectando o patrimonio, respectando o medio ambiente e procurando o menor impacto posible”.
Nesa liña, recoñeceu que ao longo da tramitación existiron “preocupacións veciñais, debate, cambios e modificacións”, pero destacou que actualmente “os informes das administracións competentes son favorables”.
Para Verea, o proceso seguido responde precisamente ao que debe facer “unha administración responsable”: “escoitar, mellorar, adaptar e executar”.
O portavoz popular criticou tamén que se tente presentar o debate “como unha elección entre patrimonio e mobilidade” e rexeitou esa visión: “Eu quero as dúas cousas. Quero unha cidade que avance, pero tamén unha cidade que respecte o que é”.
Segundo explicou, “as cidades europeas máis avanzadas son precisamente aquelas que mellor souberon facer compatibles modernidade e protección”.
Na parte final da súa intervención, Verea advertiu do risco de que Santiago “se acostume demasiado ao non”, á idea de que “mellor é non facer as cousas” ou deixalas permanentemente en espera.
“Eu non me resigno a iso”, afirmou.
Para o líder popular, o debate arredor desta infraestrutura “non vai só dunha senda”, senón “da cidade que queremos construír nos próximos dez anos”.
“Quero un Santiago que lidere, máis aberto, máis conectado, máis verde e máis preparado para o futuro”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)